festival SinSal en San Simón, xornada do sábado 25-xullo-2015

Xullo 26, 2015

Dado que a do venres é media xornada e a do domingo máis orientada ás familias (novidade deste ano) a do sábado podemos considerar a xornada principal do SinSal da Illa de San Simón e a máis apegada á primeira edición e ao convencional. Se é que algo ten de convencional a cita, pois non pasa o ano sen que un teña que explicar a amigos, familiares ou persoal de hostelaría de que vai este festival. Plantexa curiosidade que non necesite promoción para esgotar as entradas nin revelar o seu programa até a chegada á mesma illa. Que si, que isto da illa no medio da ría soa idílico, exclusivo, pero non saber quen toca … Pois aí está boa parte da graza, en fiarse do criterio dun colectivo que leva uns lustros apostando por concertos para mentes inquedas e que necesitan afastarse do de case sempre.

Á xornada principal si se sumou desde primeira hora o sol e na viaxe en barco non eramos pouc@s quen esperabamos confirmar algún dos nomes que escoaran ou casaban coas pistas que adoita ir deixando SinSal. Sen dúbida, a presenza de Owen Pallet e Deerhoof satisfizo ao público asociado ao pop indie, gafapastismo, hipster ou como queiramos chamalo. Porén, o SinSal está por riba desta etiqueta e ofrece tamén propostas próximas ao jazz (o trío galego Sumrrá quedaba, moi ao meu pesar, para o domingo) ou os ritmos étnicos, neste caso de Thailandia.

Para comezar, a formación da Illa de Wight, Champs que, malia non contaren cos seus instrumentos por problemas nos desprazamentos, entregaron un concerto estupendo. Fan un pop de aires folk con coidado xogo de voces entre os irmáns Champion que tamén se encargan das guitarras. Viñan con só dous discos de bagaxe, pero agradaron moito con temas tan fermosos como “Vamala”, “Savannah” ou “Forever Be Upstanding at Your Door”. Que ben empezaba este sábado!

No mesmo escenario, tras media horiña para nos estirar e atender á exposición de audiovisuais, os postos de comida, bebida e a música dos DJs, chega Owen Pallett e … que dicir? As expectativas eran altas, pero as superou. Todo un xenio este compositor, violinista e vocalista que reborda virtuosismo no manexo dos loops, pedais e demais trebellos sen se cargar as cancións. Todo o contrario, pois teceu uns arranxos, texturas e atmosferas que nos atraparon cara o seu interior coma un tornado. O seu disco do ano pasado acadou grandes críticas e neste caso non esaxeraban. Sen dúbida, do mellor da historia do SinSal en San Simón.

Cambio de escenario e maior espazo temporal por ser a hora do xantar. Co sol petando na ría a base de ben, chegaba a dose de exotismo, desde Thailandia esta vez e co edulcoramento occidental xusto (neste caso un baixo funky 70″s) para entrar con máis facilidade. A cousa foi “in crescendo” en público e The Paradise Bangkok Molam International Band gustaron tanto que quen non pillou parcela de sombra non desperdiciou a oportunidade de bailar ao sol con eles. O baixo electrónico como epicentro e un par de instrumentos tradicionais crearon esa sorte de mantra pola que nos deixamos abanear durante case unha hora. Procurade “Lam sam disco” ou “Kwang Noi Chaolay”e vos faredes unha idea.

A seguinte cita tamén era no escenario de San Simón, desta vez voltando ao planeta do pop indie e as últimas revelacións, cunha proposta retro bailable doutra nova formación británica: o trío británico All We Are. Coa súa baixista padecendo o sol, fixeron comuñón con boa parte do público e as outras formacións, agradecendo tanto ese trato como a invitación a un festival tan cheo de “postivity”. Aínda non teñen moito repertorio propio para interpretar, así que se marcaron unha versión, ben celebrada, dos Caribou: “Can”t Do Without You”. Cumpriron e fixeron bailar con formación básica de baixo, guitarra e batería.

A cita coa reconstrucción punk veu da man dos Deerhoof na Illa de San Antón. Quedar sentado con eles non ía valer e cumpría ademais ter algo de paciencia para lles coller o fío. Descolocan de primeiras, pero se quedas constatas que a experiencia da súa traxectoria invita a gozar dos seus directos. Son todo un espectáculo de enerxía, velocidade e fereza que se viu aínda máis motivada por estar “no mellor sitio que tocaron nos seus 21 anos da banda”. Iso si, como tamén remarcou o batería: “que toquen así de alto e agresivo non significa en absoluto que admitan ningún tipo de violencia”. Outro punto alto do SinSal de San Simón.

E con este listón alto tocáballe pechar á formación chilena Astro no escenario de San Simón. Persoalmente foi a actuación que menos me gustou, pareceume irregular e en especial cansei da voz peculiar do cantante. Non obstante, conxeniaron cun público agradecido e ganas de seguir a festa a base dun pop con sintetizadores e arumes psicodélicos que por momentos invitaba ao baile.

O que un constata ano tras ano é que se mantén esa familiaridade, ese positivismo (citando a palabra do cantante de All We Are) que se respira. A organización mantén o agarimo, o detallismo por coidar o que ofrece, ese menú variado, tanto no musical como no gastronómico, dentro dos condicionantes económicos, loxísticos e medioambientais da cita. Eu manterei marcadas na axenda estas datas porque foi unha das edicións nas que, pasada xa a novidade, mellor o pasei. O sitio é idílico e as músicas propostas confortan a miña curiosidade.

Porén, a organización non pode (nin quere, nin debe) controlar todo e o que tamén sigo a apreciar é o crecemento do postureo. Esta cita hai tempo que aparece en revistas de tendencias, non só en publicacións especializadas en música. Cadaquén é moi libre de se gastar o diñeiro coma quere e “ir onde mola ir”, pero iso non debe levar consigo falar durante os concertos cando se está sentado nas primeiras filas. Nisto o SinSal comparte, aínda que en menor proporción, un mal de moitas citas musicais. Pagar 40 e pico euros por un “festival selecto” non ten por qué ser esnobismo, pero pagalos para ir molestar é malaeducación, cosmopaletismo ou tontería.

Un ano máis, viva SinSal!

Pepe Cunha, 28-xullo-2015

AXENDA