Balsámico. Ese é o efecto que tivo para moitos o Festival Sinsal de San Simón. Nestes tempos de estafa, mediocridade, chapucerismo e despilfarro, este colectivo (promotora-produtora-e-o-que-se-propoñan) leva xa 10 anos amosando criterio e diferenciación. Xa levaron polo país un feixe de artistas vangardistas ou á marxe das masas, antepoñendo a calidade á comercialidade. Aínda por riba, elixen lugares emblemáticos ou fóra da habitual para concertos e performances. Se o ano pasado probaran con éxito a Illa de San Simón, esta segunda ocasión non quedaría na mera repetición. Desta vez, argallaron dúas xornadas coa mesma programación e non desvelaron o nome dos artistas. Aínda así, esgotaron practicamente as entradas limitadas a 450 por día. Iso di moito da complicidade dos ouvidos curiosos co Sinsal. Elitismo cultural ? Talvez, pero moi ben entendido, porque o ofrecido por 30 € non se pode axustar máis cando as institucións non están por medio.
Nada máis chegar, os belgas Hoquets puxeron o nivel moi alto coa súa irresistible cacharrería sonora a base de trebellos feitos-na-casa e un sentido do ritmo e manexo das voces impecable. Serían do mellorciño da xornada. Unha hora despois L’Enfance Rouge traían a raiba das guitarras e a contundencia rock en formación de trío básico, para gusto de amantes de Shellac, Sonic Youth e similares. Estaba claro que a programación ía ser ecléctica, porque o seguinte en actuar foi o sueco Christioan Kjellvander cunha enfeitizante americana que atrapou o público. Eran horas de facerse con algo de xantar no comedor e repoñermos forzas mentres decidiamos se seguiamos no Paseo dos Buxos con Aries ou se cruzabamos a ponte cara a Illa de San Antón. Era o único momento no que se solapaban actuación e o redactor orelludo optou polos ritmos arábigos chegados de Nova York con Al-Madar. Aries é da terra e haberá máis ocasións para vela.
Co fondo da ría ás súas costas o quinteto Al-Madar regalou a súa ensalada instrumental a base de laúd, trompeta, guitarra acústica ou frauta sobre unha base de baixo eléctrico e batería. Como ocorre neste formato de festival, un concerto na dose axeitada para ouvidos afeitos ou reacios a cada proposta musical. Para un servidor, un chisco por riba da boa media xeral. Esa que apenas acadou a actuación de Alela Diane, dada a dificultade de defender a súa canción folk contemporánea soa coa súas guitarra e voz. Mais deseguido chegou a cosmopolita Maïa Vidal para enriquecer a sonoridade de San Antón cunha paleta sonora de piano de xoguete, acordeón, carrillón ou violín. Coa compaña de dous versátiles músicos á percusión e guitarra principalmente, sobrepúxose ao vento fresco e algún problemiña de son. A súa simpatía e os ambientes ensoñadores das súas cancións tanto cativaron a grandes e nenos, estes por certo capturando con móbiles o material para un taller de vídeo-clips.
No cuarto escenario da xornada agardaba outro cambio sonoro, agora co revival de pop electrónico oitenteiro de Nite Jewel, que quedou niso, nunha correcta recuperación de gratos momentos de baile contido para quen vivimos aquela época e a redescubriron. Inmediatamente último paso polo Paseo dos Buxos por mor do regreso do ruído das guitarras e a contundencia rítmica instrumental dos pontevedreses Unicornibot. O público máis adepto acabou compartindo o balbordo eléctrico no mesmo escenario. Daquela, non eramos poucos quen tiñamos en mente o concerto dos Alt-J e dirixiamos a nosa atención cara ao escenario patrocinado. Con moito tino, a organización conseguiu a presenza dunha novísima formación que xa está a dar que falar. As expectativas eran altas e iso tende a provocar a reacción entre que se son un “hype” ou un bluff, pero a verdade é que as súas coidadas harmonías vocais, a conxunción de detalles sonoros e unha aparente sinxeleza atraparon a maioría e resultaron do mellorciño. Pola súa prometedora xuventude, como uns The XX menos electronicos, así que probablemente nuns meses presumiremos de telos vistos antes de chegaren a un público máis numeroso. Iso tamén é parte da pose indie que se asocia á escena alternativa, non si ?
O punto final, ademais das pinchadas que foi ofrecendo un pope do referente selo Rough Trade como Simon Russell, chegou cos Shangaan Electro. Desde Suráfrica, unha mestura de ritmos ancestrais adobada de certas maneiras occidentais nos pratos que sen dificultade conseguiu o efecto desexado: crear unha auténtica pista de baile antes de subir nos últimos barcos a Cesantes ou San Adrián de Cobres, os dous peiraos que desde a Ría de Vigo levan a San Simón. Se a isto sumanos a posta de sol, quen podería pedir máis?
A evasión remataba, cómpre volver á crúa realidade. Iso si, facémolo coas baterías ben cargadas e a satisfacción de volver comprobar que hai xente na que si se pode confiar. Esas persoas que cren nun proxecto e traballan por levalo a cabo con ilusión, criterio, coidado e respecto. Iso é o que amosan desde Sinsal. No caso deste festival procuran actuacións que compracen gustos diversos, limitan a súa duración a sets duns 50 minutos que non abafan nin para ben nin para mal, crean unha atmosfera de convivencia sá -a contorna é fundamental, sen dúbida- na que artistas e audiencia se mesturan relaxada e placidamente … Hai moitos festivais, algúns máis iguais ca outros, como neste suposta democracia en que sobrevivimos, pero a min non me quites este. Grazas, sosos!
Pepe Cunha, 27-xullo-2012