Festival SinSal de San Simón 2016. Xornada do venres 22 de xullo

Xullo 27, 2016

Até a xente máis despistada escoitou falar do festival que ten lugar na Illa de San Simón e cuxo cartel de artistas é segredo. Estes dous detalles singulares serviron desde aquela primeira edición de 2011 para chamar a atención da prensa, tanto a xeneralista como a especializada. Quen tiña unha orella atenta ás propostas do colectivo non dubidaba en facerse coa entrada porque nunha mesma cita tería a oportunidade de escoitar propostas minoritarias e, de paso, facelo rodeado da experiencia de visitar unha illa con tanta historia e fermosura.

Co paso das edicións, o SinSal de San Simón foi amosando que é algo máis que música. Este festival é convivencia, detallismo e complexidade na produción, respecto e coidado pola paraxe, e bo gusto. E aquí falo máis aló do puramente musical, porque os concertos poden gustar máis ou menos, pero o ambiente sempre se prestou a degustalos con calma e atención maiores que as habituais. Até aquí, no que depende da organización, todo volveu ser practicamente perfecto nesta sexta edición. E digo até aquí, porque a outra parte é o público, e iso non se pode controlar.

A cita hai tempo que consolidou o seu público cómplice, aquel que vai gozar dos concertos. Tamén gañou o favor da crítica especializada, pois no 2015 foi premiado como mellor festival da Península en formato reducido. Ao tempo, foise poñendo de moda, correuse a voz de que é un sitio precioso, que vai bo tempo e a bebida e comida son de calidade … e isto implica que por primeiro ano se vendese todo con antelación e aumentase a xente que vai a pasar o día a Illa “porque hai que ir”. Feito que non ten por qué ser negativo agás polo detalle da xente despistada no que ten que ver co contexto de relax e atención. Refírome basicamente ao de non molestar bebendo de máis e falando nas primeiras filas fronte aos escenarios. Non foron moit@s nin se cargan o festival, pero chegan a amolar. Chamádeme elitista, esnob, clasista, enterado, pedante … pero non podo coa falta de educación. Se non te interesa, hai illa para ver e non molestas a quen si escoita a música.

Este ano non se propiciaron desde a organización debates ou apostas por adeviñar que grupos pasarían pola Illa nalgun dos 3 días. Non é necesario, pois xa moita xente acerta e pérdese un pouco a graza. Chega con mirar quen anda por Europa, que se o cartel do Milhoes de Festa ou o Jazzaldia para aproveiar as xiras e enganchar algunha banda con críticas boas. O importante é que o cartel non ofrecerá só pop-rock indie senón tamén nos ritmos étnicos, jazz u outras etiquetas e combinacións. E este ano outra vez espalladas en toda a fin de semana, con apenas 2 propostas repetindo sábado e domingo, día máis “familiar”, por certo.

Pouco despois das 5 da tarde do venres coñeciamos o cartel desta media xornada, que abría co dúo de irmás lisboetas Pega Monstro no recuperado escenario Buxos. Defenderon un dos discos revelación de Portugal a base de rock envolvente con dúas voces, guitarra e batería espremidas ao máximo con reverbs, ecos e delays. Tras esa nebulosa e Illa de San Antón, unha cita máis luminosa coa reivindicación dun disco de pop-folk psicodélico e barroco perdido a comezos dos 70. Un detalle que me lembrou unha parte do espíritu do Felipop e a maxia de P.F.Sloan. Marc Jonson, acompañado de músicos novos como os valencianos de Ramírez Exposure, mostrouse entusiasta e vital malia a sua idade e encantado de traernos boa parte do repertorio do disco “Years” (1972) que vaia ser reeditado polo mesmo selo que recuperou a Rodríguez (dou por feito que vistes “Searching for Sugar Man”). Unha proposta bastante máis estándar que a liña do SinSal pero que se agradece dentro da variedade global do cartel. Jonson expresou o sentir da maioría dos músicos que tocan no SinSal: “incredible here!” e (traduzo) “Non creo que Paul McCartney tocase nun sitio así”. Escoitar a Ramírez e Marc Jonson coa nova “Suddenly Sunshine” foi un deses momentos fermosos do festival.

Deseguido un dos nomes en máis quinielas e que xa prestaba no cartel de San Simón: El Guincho e a súa electrónica bailable. Adiantaba cancións do seu recente álbum “Hiperasia”, cheo de vocoder e outros efectos de voz, baterías electrónicas e sintetizadores. Bo concerto no escenario grande de San Simón pero os máis celebrados chegarían agora. O primeiro con Rangda, o trío estadounidense co guitarrista Sir Richard Bishop ao fronte e cunha base rítmica hipnotizante. A súa mestura impecablemente empastada de psicodelia, kraut, escuridade, ritmos do mundo … foi desas que vai envolvendo o público atento até gañar unha desas ovacións que conseguen un bis, algo moi axustado cos horarios reducidos do SinSal.

Porén, os grandes triunfadores do venres serrían os franceses We Are Match, cunha proposta de pop moi británica, con tintes electrónicos bailables e luminosos, moi herdeiros dos 80 e coidadndo ben voces e coros. Só levan 3 anos editando as súas cancións pero semellan ter a chave para enganchar o público cunha facilidade pasmosa. Talvez cantar en francés os desmarcaría aínda máis. Pasaban das 10 da noite e os barcos de volta xa agardaban, para Meirande ou para Vigo. Quen probaba media xornada de SinSal na Illa saiu convencido. Quen abriamos boca para o sábado predeciamos outra boa edición.

Pepe Cunha, 27-xullo-2016

fotos:

AXENDA

Facebook

14 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook