Festival SinSal de San Simón 2016. Xornada do sábado 23 de xullo

Xullo 31, 2016

Tras o entrante saboroso do venres, o sábado tocaba xa xornada completa na Illa de San Simón. O día tamén se presentaba totalmente despexado, aínda con menos vento e con toda a forza do sol na Ría de Vigo. Mentres ollaba a Illa desde o peirao pensei no traballo encomiable na coordinación dos barcos, horarios, loxística coas bandas e cos medios acreditados e detalles varios: o xornal gratuito, a oferta de postos gastronómicos, unha boa cara sempre desde a organización ou os cachos de melón ou sandía que reparten cando vai rematando o festival. Hai que correspondelos. Desde o momento que merca as súas entradas, a xente sabe a que hora lle toca saír, na ida e na volta, e unhas condicións de comportamento. Aínda así, non faltan @s despistad@s que ameazan con alterar unha organización preparada case ao minuto. Sen dúbida, a complicidade da xente é moi importante para unha cita sostible e respectuosa e que cómpre coidar.

Ao igual que SinsSal coida @s artistas de cada edición e cuxos nomes coñecemos nada máis poñer pé na Illa, @s máis entregad@s ao seguimento das tendencias confirman as súas sospeitas e outr@s simplemente se posicionan fronte aos escenarios para deixarse convencer. Porén, sempre temos algún nome planeando sobre o universo sinsaleiro. Como por exemplo eu o da banda barcelonesa Extraperlo, que por fin chegou presentando o seu terceiro disco: “Chill Aquí”. Ser a primeira banda do día e a calidez da súa proposta (cheiros aos Ciudad Jardín ou Golpes Bajos máis electro funky e pingas tropicais e caribeñas) axudoulles a congregar moito público, malia o sol petando no máis alto e a pouca sombra no escenario grande. Ao mesmo tempo, Nicolás (acompañado de invitados vigueses nunha estampa que se repite nos festivais desta zona), actuaba no mirador de San Simón, como acontecería ás 3 e ás nove con Skylar e Best Boy respectivamente.

O escenario de San Antón agardaba cun deses descubrimentos que gardaremos de San Simón cada verán. A británica de orixe zimbabweño ESKA abraiou non só coa potencia de voz e paixón interpretativa, senón pola diversidade do seu repertorio, onde alterna un pop máis familiar ou asequible con rock máis experimental e as pingas de ritmos étnicos. E se sumamos unha banda sobria cumprindo, concertazo.

De volta en San Simón, mais no escenario dos buxos, actuaron os galegos Malandrómeda con Hevi entregado totalmente no baile, no rapeado e os comentarios máis retranqueiros. Se tiñamos dúbidas de como funcionaría esta proposta, os sorrisos e os chimpos fronte ao escenario pequeno falan de acerto. Unha dose de tolemia e desprexuizamento necesaria e celebrada.

O estadounidense Ryley Walker é outro deses artistas de traxectoria curta pero apraudida pola crítica e que, xa que logo, soan coma candidatos a estar en San Simón. Demostrou que é un guitarrista excelente marcándose outro dos concertos desta edición a base dun folk con aires de jazz e blues que lembra gratamente ao gran John Martyn, mais desde o outro lado do Atlántico.

Marchaba moi ben o día e aínda agardaba outra das propostas que un servidor máis celebra nesta cita. Sons of Kemet chegan desde o Reino Unido liderados pola presenza impoñente do saxofonista Shabaka Hutchings. Acompañado doutro africano (polo menos de orixe) na tuba e dous percusionistas brancos encheron San Simón dun jazz enchoupado de tribalismo africano que gañou o público. Fantásticos.

Tamén típica do SinSal é a querencia por artistas coma a arxentina Juana Molina, cun pop electrónico e sintetizado moi herdeiro dos 80 menos comerciais e máis inquedos. Boa parte do público está tam,én nesa onda e o concerto moi moi aplaudido desde o comezo. A protagonista e os dous acompañantes desfrutaron das vistas incribles desde o escenario de San Antón e a anécdota do desfile de barcos engalanados pola virxe do Carme.

E para rematar o programa, quedaban as propostas máis claramente bailabeis. Primeiro no escenario grande, co estadounidense Dan Deacon en comuñón co público, ao que pide coreografías fronte ao escenario. A festa quedou servida a base de electrónica enfocada sen prexuízos ao baile e o traballo atlético da súa acompañante na percusión. E quen mellor para continuar que o DJ chileno Matías Aguayo? Co seu arsenal abafante de loops estendeu o baile para @s máis propens@s até ben pasadas as 10 e amenizou a espera para coller os barcos de regreso. Servidor aproveitou para acompañar o solpor co optimismo pingado de soul dos Best Boy.

Quedaba outra xornada, con máis actividades para familias e un par de artistas que repetirían do sábado, pero outro ano máis saímos xa cargad@s da enerxía que proporciona convivir con músicas varias, escollidas con mimo e presentadas na mellor das paraxes. Un ambiente de convivencia que o público debe preservar unha vez que a organización segue a pór todo en bandexa … con froita refrescante de tempada. Vémonos no próximo verán. Hai moitos festivais, pero coma este .. ningún.

Pepe Cunha, 31-xullo-2016

sobre o venres:

AXENDA