nota:
Xornada intensa e de alto voltaxe a que propón para o venres o Revenidas. Algunhas das bandas con maior intensidade do cartel pasarán mañá polos dous escenarios do festival de Vilaxoán.
Entre elas destaca a presenza, por primeira vez nos 18 anos de historia do Revenidas, de SFDK. Dúas lendas do hip hop nacional, Zatu (Mc) e Acción Sánchez (Dj e produtor) conforman este dúo absolutamente referencial do rap en español que. Con case tres décadas de traxectoria as súas costas os sevillanos SFDK (Sempre Fortes de Konciencia) téñense gañado por méritos propios a condición de atemporais.
O Revenidas acollerá mañá a presenza de dúas bandas internacionais. Por unha banda, os italianos Talco, autoproclamados como unha banda de «combat ska-punk antifascista e antirracista», que cre na independencia da música e na mensaxe que esta debe transmitir en contra de calquera discriminación. Todo iso transmitido musicalmente nunha mestura de ritmos na que teñen a cabida a patchanka, o punk, o ska, as músicas balcánicas e o kletzmer.
E, por outra, Moscow Death Brigade, combativos, solidarios e activistas contra o racismo, o sexismo e a homofobia, chegan ata Vilaxoán este moscovitas, parapetados tralas súas carapuchas e cun crocodilo como mascota. E fano cunha proposta qu no musical mestura o hip-hop, o punk rock, o metal e a música electrónica.
Tamén asomarán polo escenario Xacobeo 21-22 do Revenidas, Lendakaris Muertos. O grupo navarro segue a ser un dos grandes nomes propios do punk estatal. Do punk ortodoxo e vertixinoso. Deslinguado, provocador e gamberro. Acelerado, irónico e sempre comprometido. Auténticos depositarios do imperecedoiro espírito da vella garda punkarra.
Como cada xornada, a música galega conta cunha destacada presenza no programa do Revenidas. O venres estará focalizada en Grande Amore, o proxecto de Nuno Pico, un artista que partindo do underground e con só un disco longo con nove cancións de calado postpunk, electrónicas e industriais, tense reafirmado como un dos grandes rexeneradores da escena musica galega, amparado nunha desbordante creatividade e unha absoluta falta de complexos.
Tamén subirán mañá ao escenario do Revenidas o dúo compostelán Bratzantifa, como as gañadoras do certamen de novos valores organizado por Estudios Mans.
Completa o cartel La Duendeneta, dende a que se realizarán dúas sesións, unha ás 01.30 h e outra, para pechar a xornada, a partir das 03.15 h.
HORARIOS:
Escenario Xacobeo 21-22
19.50: Lendakaris Muertos
21.45: SFDK
00.15: Talco
02.15: Moscow Death Brigade
Escenario Mahou
19.00: SonDaRúa
21.00: Bratzantifa
23.05: Grande Amore
01.30: La Duendeneta
03.15: La Duendeneta