¿Que son As Revenidas? Para comezar son: sardiñas salgadas e asadas na grella. Entón, ¿estamos falando dunha festa gastronómica? En Galicia todas o son, pero neste caso tras oito anos de traballo e aposta pola calidade, As Revenidas convertéronse en moito máis ca iso, sen menospreciar a sardiñada que congrega ao redor do parque a centos de persoas para disfrutar en familia da festa.
As Revenidas xa é unha cita anual imprescindible no calendario dos festivais galegos. Ao lado do mar, no pobo mariñeiro de Vilaxoán, reúnense cada mes de xullo artistas de dentro e de fóra, unidos por sons mestizos á vez que de marcado carácter popular. Artistas que acompañan e promoven a festa, e reivindican a cultura e o espazo público como patrimonio dos cidadáns.
Inglés, galego, castelán, euskera.. todas as linguas teñen cabida neste encontro, que ademais de música tamén ten espazo para expresión artísticas como o teatro, o circo, a maxia…
Os concertos de ámbolas dúas xornadas serán de pago, pero a un prezo asumible polo público: 10 euros o bono de dous días e 8 euros o día solo, na venda anticipada. En taquilla o prezo subirá a 15 euros o bono e a 10 o día. O resto de actividades que terán lugar durante todo o día serán de balde, pero intentarase recadar fondos como todos os anos coa venda de bebidas e comida nas barras.
Este ano incorpórase un espazo novo, solidario, a jaima saharaui. Alí desenvolveranse actuacións e presentacións para recadar fondos para o Sáhara e poder levarlles algo de música en directo o próximo ano: Revenidas no Sáhara.
O festival ten acondicionadas dúas zonas de acampada, que dispoñen de baños, duchas e servizo de limpeza. Preto das tendas está a praia e a menos de 15 minutos camiñando atópase o centro de Vilagarcía de Arousa.
Revenidas 2012 conta con máis de 15 grupos, tanto de dentro como de fóra de Galicia, que farán dos días 20 e 21 de xullo unha gran festa.