Festival do Norte, 27-abril-12: La Casa Azul, Los Enemigos e Love of Lesbian

Abril 30, 2012

Finalmente, os recortes institucionais non puideron coa continuidade do Festival do Norte, a cita musical da primavera galega no século XXI. Iso si, as dificultades para confirmar a viabilidade desta edición priváronnos de contar con artistas internacionais, cuxas contratacións necesitan de máis tempo. Non obstante, o mantemento dun prezo razoable das entradas e o cartel liderado por Los Enemigos, La Casa Azul, Love of Lesbian, Lori Meyers, El columpio asesino ou Fangoria foron o gancho suficiente para que Vilagarcía volvese recibir miles de afeccionados á música en vivo. Ademais, dúas grandes carpas protexían das máis ca probable chuvia, aínda que o son se resentise.

O venres, tras Dirty Socks, Varry Brava, Klauski & Kinski e Pegasus, chegaban os tres primeiros pratos fortes e alí estivemos. A fauna era diversa, en boa parte pola presenza dun público roqueiro máis maduro e menos habitual, sen dúbida atraído polo regreso de Los Enemigos. Tras a actuación no Actual de Logroño, este era o seu segundo concerto de reunión e cumpría lembrar vellos tempos. A resposta de público demostrou o acerto da organización que, probablemente, xa contaba con Los Enemigos para unha edición de 2012 confeccionada en tempo case récord.

Ás 22h subían ao escenario La Casa Azul, que andan de presentación do seu celebrado “La polinesia meridonal”. A súa proposta bailable e efervescente perde no “directo”, que resulta algo soso a pesar do apoio dun feixe de televisores proxectando imaxes e un par de músicos-informáticos. Guille Milkyway non é un prodixio de voz e movemento, pero a accesibilidade das cancións e un público predisposto axudaron a que o seu concerto ficase en correcto. “Los chicos hoy saltarán a la pista”, “No más Myolastán”, “Esta noche sólo cantan para mí”, “Terry, Peter y yo”, “Europa Superstar” e, sobre todo, “La revolución sexual” tiveron a resposta agardada de baile e coros.

Con atraso aparecerían xa as dúas bandas máis esperadas da xornada. En primeiro lugar, a recuperada última formación de Los Enemigos (Josele, Fino, Manolo e Chema) volvía a Galiza tras aquel concerto de despedida no Multiusos do Sar. Desta vez non ían tocar durante tanto tempo nin era unha cita de seu pero a parroquia tiña moitas ganas de lembrar vellos tempos. Así, o Festival do Norte do 2012 recibía máis roqueiros e caras novas (aínda que maduras) que edicións anteriores. Os anos pasaron e os excesos e os concertos irregulares quedaron atrás, pero Josele e os seus están cómodos entre nós e así o demostraron. O notable repertorio escollido non brillou o que debera probablemente debido a que o volume alto non casou ben coa carpa: “John Wayne”, “Señora”, “Na de na”, “Me sobra carnaval”, “Por la sombra”, “La otra orilla”, “An-tonio”, “Paracaídas”, “Dentro”, “Por la sombra”, “Brindis”, “Quillo – He vuelto a nacer”, “Soy un ser humano, “No amanece en Bouzas”, “Todo a cien”, “La cuenta atrás”, “Desde el jergón”, “Complejo”, “Septiembre” … Un concerto correcto, máis para fans que para ouvidos neófitos na súa obra. Unha mágoa o das luces, aínda peor que o son.

Si contaron con mellores luces e son os Love of Lesbian, que xa acumulaban case unha hora de atraso no horario previsto. Malia presentaren temas do inminente álbum como “El hambre invisible”, “Los seres únicos” ou “Wio”, non tardaron en gañar ao público. Desde o comezo sinalaron que non ían repetir o repertorio da súa visita anterior e agradeceron a disposición a escoitar temas novos, pero non escatimaron en recuperar cancións daquel celebrado álbum “1999”: “Club de fans de John Boy”, “Allí donde solíamos gritar”, “Las malas lenguas”, “Algunas plantas” ou “1999”. Os sete músicos da banda volveron conseguir o daquela visita, convencer cun solvente directo a propios e estranos.

A xornada do sábado contaba con El Columpio Asesino e Lori Meyers como principais reclamos e co tirón mediático de Nancys Rubias e Fangoria. Unha vez superado con solvencia o trago deste edición, de seguro nos veremos no 2013 a pesar dos famosos recortes.

Pepe Cunha, 30-abril-12

AXENDA

Facebook

28 minutes ago

Ábrete de orellas
⏰ 𝗛𝗼𝗿𝗮𝗿𝗶𝗼𝘀 𝗥𝗲𝘃𝗲𝗻𝗶𝗱𝗮𝘀 𝟮𝟬𝟮𝟰 ! 🎶📆 Estabades ansiosos por eles e aquí os tedes 👈📝 Estes serán os horarios dos concertos do #Revenidas2024 👈🔴 Tanxugueiras ⚫ Dubioza Kolektiv 🔵 La Pegatina🔴 Fillas de Cassandra⚫ Narco 🔵 Talco 🔴 Balkan Paradise Orchestra⚫ Lontreira🔵 Loita Amada🔴 Serial Killerz⚫ ETS (En Tol Sarmiento)🔵 El Kanka🔴 Lendakaris Muertos ⚫ Guadi Galego🔵 The Rapants ⚫ Mafalda - ÚLTIMO CONCERTO EN GALICIA🔵 La Fúmiga🔴 Lágrimas de Sangre - ÚNICO CONCERTO EN GALICIA ⚫ Caamaño & Ameixeiras🔵 Los Niños Jesús 🔴 Vértebras⚫ The Tytes 🔵 Miss Bolivia🔴 Muchachito Bombo Infierno⚫ Xavi Sarriá - ÚLTIMO CONCERTO EN GALICIA🔵 Trashtucada🔴 Rebeliom do Inframundo - CONCERTO ESPECIAL⚫ Dakidarría 🔵 De Ninghures - CONCERTO VIBRA MAHOU🔴 Catuxa Salom - CONCERTO VIBRA MAHOU⚫ Uxía Lambona e a Banda Molona 🔵 García MC 🔴 Muyayo Rif⚫ La Duendeneta 🔵 La Yaya Dj 🔴 Mekanka Rolling Band🎟️ Merca xa o teu abono ou a túa entrada de día, antes de que muden de prezo o próximo martes día 3 de setembro, en www.revenidas.com 👈🐟 #Revenidas 2024 do 12 ao 15 de setembro en Vilaxoán 🎶#Revenidas #Vilaxoán #DeputaciónDePontevedra #XuntaDeGalicia #RíasBaixasFest #Galicia #RíasBaixas #Xacobeo #OFestivalDasLinguas #VibraMahou #PacoLola #Sonen Concello Vilagarcía de Arousa Deputación Pontevedra Turismo Rías Baixas Cultura de Galicia Xunta de Galicia Turismo de Galicia Camino Xacobeo Vibra Mahou Deleite Gadis PACO & LOLA Alma Atlántica Arehucas ... See MoreSee Less
Ver en Facebook