Festival de Carral: Bastars on Parade + Arenga +Trazos + La Desidia + Provisional Punk e os djs FredYet e Chino

Setembro 28, 2012

A Asociación Mil e Pico retoma a actividade cunha nova directiva e unha nova edición do Festival de Carral, que se celebra este venres no parque de Ans
— No Festival de Carral, de entrada gratuíta, actuarán os grupos Bastars on Parade, Arenga, Trazos, La Desidia e Provisional Punk e os djs FredYet e Chino
— A Asociación está a recoller sinaturas de apoio sobre o uso do seu local

Despois de varios anos de pouca actividade, a Asociación Xuvenil Mil e Pico volve á carga. A que fora unha das entidades máis activas da comarca, e unha das máis veteranas –fundada no ano 1983, a A.X. Mil e Pico ten máis de 30 anos de historia–, conta desde o pasado 11 de setembro cunha nova xunta directiva. Un grupo de mozos e mozas de Carral, entre eles Martín Álvarez Cortés como presidente e Susana Pérez Vázquez como vicepresidenta, son os novos responsables da asociación nesta nova etapa, na que retomarán as actividades culturais, sociais e deportivas que sempre caracterizaron a esta entidade carralesa.

Festival de Carral – venres 28 de setembro
Unha delas é o Festival de Carral, unha das citas musicais máis tradicionais na zona, e que levaba varios anos sen celebrarse. Así, a nova edición do Festival de Carral terá lugar este venres, 28 de setembro, a partir das nove da noite no parque público de Ans. Actuarán os grupos de punk-­‐rock Bastards on Parade, Arenga,Trazos, LaDesidia e Provisional Punk, e pecharán a noite os djs locais FredYet e Chino, do colectivo musical FCH. Haberá carpa para cubrir a zona dos concertos. A entrada do festival é gratuíta, e a recadación da barra (onde haberá “prezos anticrisis”) e das donacións destinarase a financiar esta nova etapa da Asociación.
Curso de guitarra
Outra iniciativa da Mil e Pico é o curso de guitarra que vén organizando desde hai anos e que continuará neste curso 2012-­‐2013. As clases, impartidas polo guitarrista coruñés Luigi ‘Bluesmaker’ e por unha cuota mensual de entre 20 e 30 euros, comezarán en outubro e celebraranse os sábados pola mañá previsiblemente en Tabeiao. Xa están abertas as inscricións, a través do teléfono 652106194.
Ademais destas actividades musicais, a nova directiva da A. X. Mil e Pico xa está preparando outras de carácter deportivo e social, como un equipo de baloncesto feminino, prácticas de barranquismo ou a colaboración na campaña de recollida de xoguetes para o Nadal.
Recollida de sinaturas
De xeito paralelo á posta en marcha desta nova etapa, a nova directiva da A. X. Mil e Pico tamén está a recoller sinaturas de apoio entre os veciños para reclamar os seus dereitos sobre o local da Asociación, situado debaixo da igrexa parroquial de Carral. Este local, sede oficial da Asociación Mil e Pico desde que foi fundada en 1983, foi construído polos veciños nos anos 60 co apoio do cura da época e dos párrocos sucesivos; desde entón e ata hoxe foi un lugar de reunión imprescindible para varias xeracións de mozos e mozas do Concello. Sen embargo, a oposición do actual párroco ás actividades da Asociación está a obrigar á nova directiva a recoller apoios entre os veciños para garantir o uso do local.

Facebook

21:00 h.
Parque de Ans, Carral.
De balde.