Festival das Ondas Urbanas: Wöyza + Street Dance Presto Vivace.

Outubro 03, 2020

nota:
Festival das Ondas Urbanas

Fene. Venres 2 e sábado 3 de outubro

García MC- Street Dance Presto- Wöyza

Cun concerto didáctico a cargo do rapeiro García MC no CCRD de Perlío, comezará o vindeiro venres 2 de outubro o Festival das Ondas Urbanas 2020. Organizado pola Concellería de Cultura, coa colaboración da Deputación da Coruña, o certame incluirá tres espectáculos ao longo da primeira fin de semana do mes de outubro. Así, tralo concerto de García MC do venres, o sábado 3 de outubro actuarán na Praza do alcalde Ramón José Souto González o grupo Street Dance Presto Vivace e, a continuación ese mesmo día, a cantante Wöyza. As entradas para asistir a calquera dos espectáculos poranse a disposición do público o martes 29 de setembro ás 9.00 horas na páxina de Ataquilla. Éstas serán gratuítas pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das dúas persoas que acudirán ao espectáculo.

O primeiro convidado ao Festival das Ondas Urbanas de Fene 2020 é García MC, músico de rap co-fundador de iniciativas como Dios Que Te Crew ou Nación Quilombo, entre outras. Nesta que será a primeira función do ciclo, García MC presentará o seu concerto didáctico “A lingua galega na música rap” no que fai “un repaso, xunto cun Dj de hip hop de prestixio, pola historia do rap na nosa lingua; dende o pre-rap dos Resentidos ou Charly J até Dios Que Te Crew, chegando ao panorama actual de rap en galego con ducias de propostas de toda Galicia”. A actuación terá lugar o venres 2 de outubro a partir das 21.30 horas no CCRD de Perlío e con aforo limitado.

O sábado 3 de outubro, o Festival das Ondas Urbanas de Fene trasladarase á Praza do alcalde Ramón José Souto Gonzalez onde se desenvolvera a partir das 20.00 horas o espectáculo “Danzas urbanas e os seus estilos” do grupo Street Dance Presto Vivace. Trátase dunha proposta interactiva de danzas urbanas hip-hop, popping, funky, dance-hall, waa1 cking, sexy-style…. En “Danzas urbanas e os seus estilos”, as catro bailarinas adéntranse no mundo das danzas urbanas cunha pequena explicación didáctica de cada estilo para, a continuación, poñelo na práctica cunha serie de coreografías de cada estilo. “A arquitectura coreográfica así como a riqueza visual e musical e a enerxía física quedan patentes na actuación producindo no público unha sensación agradable e un maior coñecemento da cultura do baile”.

Unha vez finalizado o espectáculo de Street Dance Presto Vivace, o mesmo sábado 3 de outubro actuará tamén na praza do Concello de Fene a cantante, letrista e produtora galego-uruguaia Wöyza. Pioneira e referente no hiphop-soul e R&B en lingua española e galega, Wöyza comezou a súa carreira musical en Vigo, en 2003, vencellada á escena hiphop estatal e portuguesa. En solitario, conta con dous LPs: “Pisando el suelo que ves” (2008) e “Pelea” (2016); tres EPs: “Siénteme”(2005), “Si/No” (2015) e “Tábula Rasa” (2019) así como unha infinidade de vídeos musicais, singles e colaboracións.

Ámbalas dúas actuacións –Street Dance Presto Vivace e Wöyza- desenvolveranse baixo carpa e con aforo limitado.

Todos os espectáculos do Festival das Ondas Urbanas de Fene desenvolveranse baixo a premisa da #culturasegura, con reserva de entradas, aforos limitados e estrito cumprimento das medidas de seguridade. Neste senso, dende a organización recomendan aos/ás asistentes acceder aos espectáculos con media hora de antelación á hora fixada para o seu comezo xa que a reserva de entradas perderá vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do comezo dos mesmos. A partir dese momento admitirase a entrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible. Ademais, infórmase de que, aos efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, os datos das persoas asistentes poderán ser verificados pola organización para o acceso ao recinto.

En canto ás medidas hixiénico-sanitarias implantadas, lémbrase que haberá un punto de desinfección de mans e que o uso da máscara será obrigatorio en todos os espectáculos.

Ademais, non se permitirá o acceso con comida, bebida ou obxectos que poidan ser considerados perigosos pola organización. Por último, o público permanecerá sentado en cadeiras individuais (non haberá para grupos de convivintes) durante todo o espectáculo no lugar que lle asigne a organización e realizará a entrada e saída de xeito ordenado seguindo as instrucións da organización.

AXENDA

Facebook

2 hours ago

Ábrete de orellas
A Pedreira - Carvalho Verde (directo) ... See MoreSee Less
Ver en Facebook
20:00 h.
Praza do alcalde Ramón José Souto Gonzalez, Fene.
Aforo limitado.