festival Cortapega: Músculo!, Huma, Container …

Outubro 20, 2018

nota:

Cortapega, o festival de música electrónica de Desconcierto Cultural contará cunha nova edición este outono. O festival mantén a liña das edicións anteriores, como mostra das distintas manifestacións da música electrónica e apostando de xeito especial por artistas emerxentes. Esta quinta edición chega con dúas importantes novidades en canto a data e emprazamento. O festival cambia de día para ocupar a xornada do sábado e o recinto encargado de acollelo nesta ocasión será a Sala Malatesta.

Con propostas heteroxéneas coas que reivindicar a riqueza de estilos que ofrece a música electrónica como concepto e dando un claro protagonismo a formatos live, ponse en valor un cartel ecléctico e vangardista.

Container (Live)
O norteamericano Ren Schofield é CONTAINER, un artefacto electrónico incendiario onde converxen o sonido e a furia, o ruido e a intensidade. Chega ao CortaPega para presentar “LP” (Spectrum Spools, 2018), unha nova mostra dos seus recursos sonoros e rítmicos, pero sen perder a intensidade e a frescura do primeiro día.
O seu directo, abrupto e impactante, é unha excursión rítmica chea de mecanismos sen procesar, sen filtros. Techno maquinal de alto voltaxe que non deixará indiferente a ninguén.
https://spectrumspools.bandcamp.com/album/lp-5

Huma (Live A/V)
Huma é o proxecto persoal de Andrés Satué, logo do seu paso polo dúo Esquelas, co que participou no RBMA Bass Camp 2015. Andrés tamén é cofundador de Versal (ciclo de concertos), Bicefal (festival) e de Hedonic Reversal (selo discográfico), no cal ven de editar o seu novo EP “Yocto/Yotta”. Este segundo traballo presentouse no Mutek Barcelona o pasado marzo pero antes, o directo de Huma xa pasou por festivais coma o WOS, Hex ou Sónar Barcelona.
Na súa música, palpitante e visceral, pódense atopar elementos que van dende a música clásica ou o ambient ata o metal ou o drone. Unha experiencia intensa que se verá maximizada por unha posta en escea moi especial na que estará acompañado polos visuais de Interruptor.

Músculo! (Live)
Dende os seus inicios, Músculo! parte da mestura de instrumentos analóxicos con elementos electrónicos como base para ir creando novas texturas que irán mudando a carón de múltiples influencias. Dende o kraut rock presente nos seus primeiros traballos, á electrónica de baile, pasando polo sonido madchester ata chegar a consolidarse como unha das bandas de electrónica contemporánea de referencia en Galicia.
O seu novo traballo xira cara a electrónica máis actual – Caribou, Jon Hopkins, Four Tet – e conta coa produción de Hans Krugër, produtor de cabeceira de Delorean. Este novo paso adiante na súa traxectoria verase reafirmado con novas cancións nas que a banda xa está traballando.
https://musculo.bandcamp.com/album/m-sculo

Allova (Live)
A experimentación coa voz e o piano, influenciada pola música electrónica e o trip-hop son o motor que move a Allova, un proxecto no que a súa compositora evoluciona dende a música clásica e o jazz na búsqueda de respostas á necesidade de expresarse nun entorno próximo a bandas da talla de Massive Attack ou Portishead.
Unha experiencia de beats e loops cargada de intensidade e adornada con xogos vocais.

BONECO (Live)
Boneco é o vehículo de exploración electrónica de Luis Hortas, vocalista e guitarra de Xenro. Nel leva internándose dende o 2006 nos terreos máis diversos do xénero: dende os melódicos ata os máis experimentais, buscando mostrar a súa versión máis cruda e analóxica.
Nas súas composicións poden atoparse ecos de artistas coma Rival Consoles ou Jon Hopkins, entre outros.
https://soundcloud.com/bamapuce

Apen Thunder A.T.M (Dj Set)
Despois de anos de estudo da pista de baile, é no ano 2010 cando este coruñés decide comezar as súas andaduras polas cabinas de diferentes clubs e festivais da península. Artista ecléctico por excelencia, as súas sesións transitan entre diferentes xéneros e estilos nas que predominan o Electro e Techno hipnótico con toques acid, creando atmósferas crudas e escuras. Fóra das cabinas, adica a maior parte do seu tempo á composición e produción musicais.

Entradas on line dispoñibles na propia web do festival: http://www.cortapega.gal/

Entradas físicas dispoñibles en A Reixa Tenda (Rúa do Hórreo, 46 15701 Santiago de Compostela).

Anticipada: 12€ / billeteira: 15€

AXENDA

Facebook

1 day ago

Ábrete de orellas
Moito prestaron os "showcases" do MUMi - encontro profesional de música de Galiza e Portugal! Nas fotos, os do sábadoO público que se achegou á Eurocidade Tui-Valença pode dar testemuño ... See MoreSee Less
Ver en Facebook
22:30 h.
Sala Malatesta, Santiago de Compostela.
12 / 15 €