festicultores troupe “os sadomusiquistas”

Setembro 20, 2012

Se non coincidiches cos Festicultores é que non fuches a festivais abondos ou vas aos “modelnos”. Esta “troupe” levaba máis de sete anos charangueando por Galiza e centos de concertos en festivais, verbenas, pasarrúas e outras modalidades de festexos no que a música e a troula tivesen protagonismo. Mesmo participaran con éxito nunha das primeiras edicións do concurso “Apologhit” (Radio Galega-Vieiros, añorados tempos! ) con “A kabra makabra”, canción incluída neste disco de debut coma un dos catro “lategazos extra”. Xa aquelados coma banda, debutan con este “Os sadomusiquistas” autoeditado e recuperan catro lategazos extra, perpetrados por antigas formacións festicultoras.

Segundo eles, “O sadomusiquismo é a forma de obtención do pracer mediante o sufrimento de ter que facer o ridículo en público.” Así, a canción que abre o disco é todo un manifesto de intencións: “Estamos poseídos pola deshinibición o sadismo, o musiquismo e calqueira perversión”. Non deixan lugar a dúbidas de que a posta en escena e a súa proposta musical e lírica van da man, chegando a momentos moi explícitos en “Beberei toda a noite” (versión daquel “Patchuko Hop” de Joe King Carrasco que popularizara Mano Negra, claro referentes musical) , “Eu son virxen” (tamén versión doutro referente como Gogol Bordello) ou “La atravesé” e “Sexo oral”.

Pouco recomendado para ouvidos sensibles no lírico ou exquisitos no musical, aínda que xa soan mellor que anos atrás. “Os sadomuquistas” resultan ben acaídos para unha festa “dolorosamente pracenteira” e tola coa noite e o alcol ben entrados. Nese contexto, ofrecerán as condicións propicias para que “os corpos entren en erupción e rebenten as pistas con bailes a base de movementos pélvicos e convulsións.” Moita pachanga, ritmos balcánicos, zíngaros, rumbeiros (“O contorsionista”), tecno-broma-disco (“Baile sadomusiquista”) e, en xeral, con acitude mestiza e notable protagonismo de acordeón, trompeta, saxo e teclado,

O disco foi gravado e mesturado por Tomás Ageitos nos estudios Ponte en xaneiro e febreiro de 2012 e as ilustracións do libreto están asinadas por Xurxo Seara, tamén vencellado ao festival Reperkusión.

Pepe Cunha, 20-setembro-2012

AXENDA

Facebook

6 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook