Tras unha traxectoria ampla en concertos e gravacións arredor do folk-world music (Budiño, Os Cempés, Riobóo, Assembly Point, Trim …), este ferrolán apaixonado das cordas pulsadas estreouse baixo o seu nome en 2016. “Intropía” era un disco riquísimo en sonoridades e súper aquelado no estudio, imposíbel de levalo ao directo. O seguinte “Silence Lovers Club”, xa especializado na mandolina, si estaba enfocado para interpretalo nos palcos, nun formato crú en dúo pero coa riqueza que achegaba Margarida Mariño no violoncello. Entre eses dous polos chega agora “Xograr”, onde incorporan sección rítmica con Álvado Trillo na batería e Sofia Neide no contrabaixo.
Malia ser o seu proxecto e ir consolidando unha personalidade propia, Barroso preséntasenos agora en banda, construíndo en grupo músicas clásicas, modernas, populares de varias tradicións e moitas veces en tratamentos libres cun selo de jazz. “Xograr” contén pezas máis inmediatas como “Baile de corredor” ou “Status”, sosegadas como “Camiño de Toxos” e catro colaboracións que reforzan a variedade que desexa ofrecer: as tres voces de Hugo Guezeta (SonDaRúa) en “Status”, Adufeiras de Salitre en “Unha vez unha melodía” e Sebastião Antunes en “A cantadeira de Belém”; e o Grupo de Cordas da Secção de Fado da Académica de Coimbra na estupenda “Mester de Mandolinas”.
“Xograr” é un álbum xeneroso, con moito no que deterse e reescoitar para aprecialo. Case unha hora de música a dosificarmos en 19 cortes -catro deles agrupados como “Oda aos navegantes” e dous en “Postáis da Última Viaxe”-, onde Barroso combina a naturalidade dun son popular e acústico cun tratamento actual. Segue a medrar, a reinventarse con resultados notábeis, procurando ser músico nun senso amplo máis que un virtuoso da mandolina, neste caso. Disque o difícil é deixar unha pegada propia, pero se non a ten xa é que aínda nos vai seguir ofrecendo máis ao que estarmos atentas.
Pepe Cunha, 20-maio-2020