Fernando Barroso “Live at Silence Lovers Club”

Febreiro 05, 2018

Tras apreciar o seu traballo máis ou menos protagonista nas cordas pulsadas e na produción de moitos proxectos musicais, “Intropía” (2012), primeiro disco en solitario deste ferrolán, encantounos pola súa variedade estilística, instrumentación, colaboracións e matices. Porén, esa complexidade privounos talvez de gozalo ao vivo. Semella que iso non vai acontecer con este directo baseado na mandolina e coa compaña do violoncello de Margarida Mariño.

El mesmo comenta que “a idea era crear un repertorio de directo cun instrumento que me permitise versatilidade, interpretar melodías protagonistas, pero que ao mesmo tempo tivera recursos rítmicos e harmónicos para poder acompañar. Pensei na mandolina, da que sempre gostei”. Mantendo relación co anterior disco, as pezas seguen a estar inspiradas por unha variedade ampla de autores, estilos, latitudes e épocas, clásicas ou contemporáneas: swing/jazz, música persa, barroco … e tamén a música máis popular, sempre amosando o seu virtuosismo e agora descubríndonos o de Mariño e a compenetración entre ambos.

Tendo en conta que non é habitual, nin doado, escoitar do tirón un disco case totalmente instrumental e de pouca instrumentación, aplicado en doses e cun mínimo de atención, este resulta ben pracenteiro e inspirador de emocións e sensacións varias. Ademais, cara unha boa predisposición, temos o deseño de Marta Guijarro, as ilustracións de Raquel Gu, a cita do “Eloxio ao Silencio” de Marc de Smedt e notas introdutorias sobre a inspiración para cada unha das 12 pezas: Albert Einstein (“MR.E”), o amor coma un lóstrego (“Little Ginger”), viaxes (“Big Distance”), Django Reinhardt “(D-Swing”), banda sonora de filmes (“Bellboy Tune” ) … E coma novidade, Barroso anímase a cantar en “Barqueirinho” coa mencionada Margarita e coa encantadora Celina da Piedade en ”Ausencia”, onde a alentexana achega tamén o seu acordeón.

Pepe Cunha, 05/02/2018

AXENDA

Facebook

19 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook