fernando barroso “intropia”

Decembro 29, 2016

O álbum editouse en maio, pero aproveito a edición en vinilo para comentar o primeiro traballo en solitario deste guitarrista ferrolán. Coñecémolo pola súa participación en moitas bandas e proxectos ao vivo e en estudio: Riobó, Budiño, Os Cempés, Asembly Point (2011) canda Eoghan Neff e Luís Peixoto, “Pop” (“13) ou “Trim” (“14), tamén con Peixoto. Este “Intropía” que nos ocupa vén reafirmar que Barroso se consolida coma multi-instrumentista en corda pulsada: bouzouki irlandés, mandolina, banjo, cavaquinhos, violas portuguesas … Estamos ante un disco de moito traballo, moitos estudios, moitas colaboracións de artistas amig@s en torno á “necesidade de voltar ás orixes. Reflexionar, crear e controlar o caos, para asignarlle un certo valor de beleza”.

Estas palabras do propio autor poden valer para intuírmos por onde van as músicas. As cordas son as protagonistas pero o disco quedaría nun repaso á execución e solvencia demostrada de Barroso se non se apoiase en gaitas, trompetas, acordeóns, ventos, percusións … a cargo de músicos tan recoñecibeis como Xabier Díaz, Isaac Palacín, Manuel Paino, Begoña Riobó … e poderiamos seguir mencionando até o traballo do habitualmente produtor Tomás Ageitos. Estes 17 instrumentais agradarán especialmente a quen, como o autor, viviron eses anos do bum da música celta, do rexurdimento da do país revisando o tradicional, os ritmos étnicos en xeral pero en especial o country e a súa orixe nas Illas Británicas, o pop-rock cun pé no folque, os discos fóra dos Dire Straits dun Mark Knopfler … Amplo pero orientativo, non?

“Intropía” é unha colección xenerosa de bandas sonoras inspiradas e que non caen no vicio de abusar de ideas ou cambios nun mesmo corte. Son músicas ben acaídas para ambientes, sensacións, lugares, vivencias, ánimos, lembranzas … Aí están para anticipalo títulos suxestivos como “Fermosa circunstancia”, Tranquila”, “Dama do Castro”, “Driving Vigo Night”,”Resistencia (Ferrol 7 a.m.)” por citar as favoritas dun servidor. Pero hai máis agardando nesta hora de música asinada por un compositor e produtor galego que sen chegar aos 40 anos xa deixa un álbum notábel reflexo dunha traxectoria musical.

Pepe Cunha, 29-decembro-2016

AXENDA