Ao comentar o disco que onte presentaban Fernando Barroso e Margarida Mariño en Ferrol, falaba de que “non é habitual, nin doado, escoitar do tirón un disco case totalmente instrumental e de pouca instrumentación, pero que, aplicado en doses e cun mínimo de atención, resulta ben pracenteiro e inspirador de emocións e sensacións varias.” Pois ben me vale para comezar a crónica dun concerto ao que engadiría a frase de “cita especial”.
Tratábase do regreso de Barroso á súa cidade natal, onde moitas amizades e persoas achegadas quixémolo recibir coma todo un músico. Neses “20 anos de ausencia” foi consolidando unha traxectoria (Budiño, Riobóo, Os Cempés, Assembly Point, Trim …) que lle gañou o respecto por competente, valente e creativo. Onte viña amosalo nese teatro que el ollaba desde a rúa cando devecía por crear melodías propias, coma estas que compoñen “Silence Lovers Club”.
Tocar na casa é un arma de dobre fío. O público está predisposto pero os nervios poden traizoar. Mais Barroso contivo a emoción ao interpretar diante de xente querida e tamén ao lembrar ao gaiteiro Antón Varela. Ademais, estivo fantasticamente acompañado pola súa compañeira de disco, que amosou a súa versatilidade ao tempo que se mantiña nese plano secundario ou discreto; agás, loxicamente, na peza en solitario coa que nos agasallou.
Como cumpría tamén, contaron con convidados nalgunhas pezas: Brais Maceiras (acordeón), Pablo Vergara (percusión) e Serxio Ces (pandeireta e voz), co que Barroso reinterpretou tres pezas deses Cempés en cuxa última etapa coincidiron: “Mazurcas”, “Sara Sariña” e aquela da loita dos percebeiros de Cedeira, coa conseguinte arrinca ovación.
O Teatro Jofre acolleu unha hora cálida de imaxinación e viaxe musicais a través duns instrumentos que veñen de séculos atrás e funcionan no noso tempo grazas a traballos coma este “Silence Lovers Club”.
Grazas a Juan Luis Rúa polas fotos!!!
Pepe Cunha, 11-maio-2018