Este ano volveu ser un pracer acudir invitado a pinchar na festa de benvida deste festival sen par que, como novidade nesta edición, puxo á venda un compacto compilatorio que festexa o 5º aniversario. Trátase dunha colección de 23 cancións interpretadas por bandas que pasaron pola pista polideportiva de Limodre, sede do Felipop. Atopamos moito material aproveitable e desfrutable, como a versión do “Till I Die” dun tributo a Brian Wilson a cargo dos arxentinos Super Ratones, o “Planet Janet” dos Bronco Bullfrog (outra das bandas que máis pegada deixou neste festival), unha mostra material editado máis recentemente por Colin “Honeybus” Hare, as bandas coruñesas Guru Deva (“I Want to Stop!”) e Mistakens (o “Pump It Up” de Elvis Costello), nomes do panorama español con solera (Los Brujos, Malcom Scarpa, Caballero Reynaldo, The Happy Losers, Tipos de Interés…) ou máis recentes (Carrots, Gurús, Rubia, Mr. Snoid, Ñam, John Wayne, Leslie…), habituais asistentes ao festi como Santi Campos, Carlos Rego (Burgas Beat), Contrastes, Magín Blanco (ex La Rosa) e “os da casa” Los Huéspedes Felices. Todo un recordo desas 5 primeiras edicións boas e xenerosas que de seguro terán a continuidade que merecen e que lles desexamos. Ademais, polo irresistible prezo de 5 € (característico da discográfica Rock Indiana, www.cincoeuros.com) apoiamos economicamente a causa. ¿Quen dá máis?.
Pepe Cunha, 29-set-2004
Featured