Feito a Man: Tanxugueiras + Los jinetes del trópico + Noe González & Grüvzilla + Flip Corale y los Macabros

Agosto 23, 2017

nota:

Setenta e oito concertos e outras tantas bandas e/ou artistas volven encher as rúas e prazas da Cidade Vella compostelá. Continúa a décimo cuarta edición do Feito a Man, o festival de rúa organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que ten lugar do 3 ao 30 de agosto, con máis días de programación, máis concertos e máis artistas.

Este será o programa de mañá mércores:
13.30. TANXUGUEIRAS (trad) – Praza de Cervantes

TANXUGUEIRAS son Sabela Maneiro, Aida Tarrio e Olaia Maneiro, tres extrovertidas e orixinais voces procedentes de Teo e do Barbanza que en xaneiro de 2016 dan un paso máis no seu soño de amosar na escena musical galega todo o aprendido, recollido e herdado das nosas avoas, dándolle vida ao proxecto Tanxugueiras. En xuño dese mesmo ano as pandereteiras presentan en San Pedro o seu espectáculo acompañadas de Cibrán Seixo (violín e guitarra) e Rubén Fernández (acordeón), conseguindo así enriquecer a súa sonoridade.

A simpatía, enerxía e forza de Tanxugueiras sobre o escenario non pasa desapercibida, e durante este tempo xa contan con colaboracións con artistas da talla de Xabier Díaz ou coa Banda das Crechas no coñecido Festival Celtic Connections de Glasgow, de onde saíu un dos seus vídeos convertidos en virais que revolucionou as redes sociais, confirmándoas como grandes promesas do trad feminino e demostrando que a música tradicional continúa a abrir novas fronteiras de son, escena e público.

20.30. LOS JINETES DEL TRÓPICO (ska, mestizaxe) + NOE GONZÁLEZ & GRÜVZILLA (funk, soul) – Praza de Mazarelos

LOS JINETES DEL TRÓPICO fan cancións con esencia tropical e coa forza e o salvaxe do directo, que é o seu forte. Teñen editados tres EPs: ‘Frenétiko’, ‘Folerpas’ e ‘Sonido rebelde’. Este proxecto, creado en 2015, está formado por Toñyto García, Laura Solla, DJ Nemetrón e Mike Spinelli. Podes escoitalos aquí: www.losjinetesdeltropico.bandcamp.com

NOE GONZÁLEZ & GRÜVZILLA son unha proposta de funk e soul con moita forza das mans de coñecidos e reputados artistas das escena galega coma Noe González (Cats and Monkeys), Grüvzilla e Adrián Solla. No repertorio , grandes nomes como Stevie Wonder, Aretha Franklyn, Sly and the Family Stone, Funkadelic, Incognito, Erikah Badu, Lyn Collins e Jose James dan a dirección dos ventos e promete facer bailar ao público de todas as idades e facer a festa transmitindo moitas sensacións e sentimentos. Con Noe González, Paulo Silva, Antón Torroncho, Luke Jennings e Adrián Solla.

22.30. FLIP CORALE Y LOS MACABROS (folk-rock) – San Paio de Antealtares
Banda de folc-rock garaxeiro e acústico de temática mariñeira, taberneira, cervexeira e filibusteira, procedente das Rías Baixas e na tradición das bandas clásicas anglosaxoas (Rolling Stones, Kins, Powes, Waterboys…). Temas propios e versións levadas ao seu terreo, cantadas en galego, español e inglés dun xeito coherente e ben empastado que demostran en directos vigorosos, suorentos, romanticosos e cervexeiros.

24.30 SCRATCHY SOUNDS (DJ, r&b, rockabilly, latin, ska, gypsy)
Este DJ inglés tráenos unha selección de rhythm&blues, rockabilly, latin e gypsy.

AXENDA

Facebook

13:00 h.
Cidade Vella, Santiago de Compostela.
De balde.