Feito a Man: Brúa + Mongrel State + Boyanka Kostova

Agosto 24, 2017

nota:

AXENDA 24 de agosto 13.30. BRÚA (trad) // 21.00. MONGREL STATE (folk-rock) // 22.30. BOYANKA KOSTOVA (trap)

Setenta e oito concertos e outras tantas bandas e/ou artistas volven encher as rúas e prazas da Cidade Vella compostelá. Continúa a décimo cuarta edición do Feito a Man, o festival de rúa organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que ten lugar do 3 ao 30 de agosto, con máis días de programación, máis concertos e máis artistas.

Ademais, o Festival Feito a Man e a Casa das Crechas organizan unha despedida-tributo a Jon Scullard, técnico de son deste evento e desta sala. Terá lugar ás 20.00 no Parque de Bonaval e haberá intervención de amigos e familiares, ademais dunha despedida musical a cargo dos seus compañeiros músicos.

Este será o programa :

13.30. BRÚA (trad) – Praza de Cervantes

Brua é unha nova formación folk formada a principios do 2016 en Santiago de Compostela. Os seus compoñentes son Xabier Agra (frauta), Cibrán Seixo (violín), Gumer Freire (mandolina, bouzouki), Roi Sampedro (guitarra) e Manuel Carballada (percusión). Posteriormente incorpórase Xacobe Varela a voz, bouzouki e gaita.

A súa música está baseada en composicións propias e no folk galego e asturiano principalmente aínda que no seu repertorio non faltan temas irlandeses, escoceses ou bretóns. O grupo formouse a partir das sesións no coñecido pub santiagués A Gramola. Na Pascua do 2017 os membros de Brua fixeron unha pequena xira por Irlanda baixo o nome A Gramola Band. Até a data teñen actuado en diferentes pubs de Galiza e na cuarta edición dos bailes de Cuartel de Moraña.

21.00. MONGREL STATE (folk-rock) – San Paio de Antealtares
Banda fundada en Dublín en 2015 que fai south-western rock. Presentaron o seu primeiro disco, ‘Mestizo’, en 2016. Tenhen un directo moi potente e moi traballado.
Desde rockabilly ao rock pasando por ritmos latinoamericanos, pero o que os fai únicos é o lume, o compromiso e a enerxía dos seus directos. Eles son Claudio Mercante, Darren Flynn, Sebastian Jezzi e Guillermo González Rodríguez.

22.30. BOYANKA KOSTOVA (trap) – Tras San Fiz de Solovio
Está considerado como o primeiro grupo de trap en galego. A súa música é universal e non poderás parar de bailar ao son dos seus ritmos hipnóticos e o seu flow costumista. A banda demostra en cada directo que só vai a máis. O seu primeiro disco sairá neste 2017 e, mentres, non deixan de deleitarnos cos seus novos vídeos.

AXENDA

13:30 h.
Cidade Vella, Santiago de Compostela.
De balde.