Feito a Man: Arturo Fochi + Clarence Bekker Band

Agosto 21, 2019

nota:

O Festival Feito a Man afronta a súa recta final e hoxe ofrecerá os dous concertos previstos de remate, pero a organización vén de ampliar un día máis de concertos, incorporando dous máis o xoves 22: Good Luck Charm Band e Blues Cocktail da Morte. Toda a info actualizada na web.
ARTHUS FOCHI (Brasil – música brasileira, rock, jazz)

Arthus Fochi é un compositor, poeta, cantante e investigador. Traballa no desenvolvemento e no intercambio cultural entre diferentes países de Sudamérica. Na súa primeira vez en Santiago de Compostela, mostra o seu concerto “Ano Sabático” no festival Feito a Man. Unha mestura entre ritmos e paisaxes da América do Sur española, e Brasil. Arthus Fochi tocará co produtor musical e pianista Guilherme Marques nos teclados e o sintetizador de baixo.

CLARENCE BEKKER BAND (Surinam/Barcelona – funk, soul, jazz)

Hai tipos que só necesitan un par de bos acordes, unha voz con personalidade e unha historia que contar para chegarnos á alma en cuestión de segundos. Os verdadeiros cantantes de soul prescinden de aditamentos para transmitir e, non o dubides, Clarence Milton Bekker encóntrase nesa nómina de elixidos. Nacido en Surinam pero de nacionalidade holandesa, a súa carreira levouno por infinidade de camiños: foi o membro máis novo da exitosa Swinging Soul Machine, do colectivo de world music 08001, e foi a voz do proxecto viral Playing For a Change. Os reveses da vida apartarono momentaneamente do seu camiño fulgurante, pero anos máis tarde comezou de novo, dende o primeiro paso e coa maior humildade. Por fortuna xa o temos devolta, con moita máis forza e con máis entallas na culata para arrasar sobre o escenario. Escoitándoo en directo esquecerás esa nostalxia de Marvin Gaye que todos levamos dentro. Volverás a ilusionarte co soul como se fose a primeira vez.

21:00 h.
Praza da Quintana, Santiago de Compostela.
De balde.