Hai álbums que custa crer que sexan debuts cando apreciamos a notable factura das cancións e o resultado da gravación. No caso da estrea dos barceloneses Fargo Avenue, a primeira parte corresponde ás composicións do guitarra Mario Rico e o vocalista Eduardo G. Oñate. A segunda ten que ver co estupendo traballo dos músicos que completan a banda (outra guitarra, teclados, baixo e batería) e a atinada produción de Paco Loco. Este, máis relacionado con traballos de grupos da escena “indie” ou alternativa, volve demostrar que tamén é quen de traballar con acerto estilos máis clásicos, neste caso rock, soul, folk ou blues. O acabado acáelle como unha luva á autencidade e elegancia de boa parte destes 13 cortes de presentación, entre os que destacan medios tempos coma “9.10”, a romántica “Invitados de honor”, a sureña “A cuchillo”, a máis arrabaleira “Ahógate” que lembra os LePunk, o toque pop ao George Harrison de “Todo es frágil” ou o rocanrol “El aviador”. Á forza da banda vén acompañada duns textos sobre historias reais e cantados con autenticidade por unha voz máis ca convincente e que lembra por momentos á de Carlos Tarque (M Clan). Precisamente este é un disco sen dúbida recomendable para fans da banda murciana e doutros notables nomes do rock en castelán de influencia estadounidense (Quique González, Lapido e os seus 091, Los Madison …). Como non podía ser doutro xeito, o disco no digipack imita un de vinilo.
Pepe Cunha, 2-marzo-2012
Featured