Fanny & Alexander “A túa ausencia neste ar”

Decembro 27, 2022

Recoñezo que me fai especial ilusión o regreso deste dúo compostelán. No musical polo bo sabor que gardo daquel seu terceiro álbum -“Alfaias” (2009) – e no emocional por termos compartido aquela época underground da música galega na que conviviamos webzines, programas de radio, blogs, lonxa ou mesmo esa A Regueifa Plataforma desde a que Noel animaba a edición de músicas en galego. Eran os tempos nos que escoitabamos Loretta Martin, The Homens, Ataque Escampe, Projecto Mourente, Noise Project, Safari Orquestra, Nouvelle Cuisine … e os programas Extrarradio ou Aberto por Reformas.

Xa que logo, ese carácter pioneiro ábrellas as portas pioneiras a reaparecer e recoller o recoñecemento que lles debe dar un panorama agora algo máis normalizado para cantar na lingua propia do país. E para o regreso tras doce anos de ausencia, Fanny & Alexander presentan precisamente un disco adicado á ausencia, á perda e a reflexións emocionais sobre elas. Un fío argumental que tece saudoso nove novas cancións que aloumiñan sen drama nen remorso esa nostalxia que abrolla da perda, facendo das músicas ferramentas reparadoras. Porén, musicalmente non apreciamos mudanza, ruptura, pois seguen onde o deixaron:  na idea de vestir versos emprestados de poetas galegas ao xeito do pop electrónico tirando a repousado, mais con espazo para pingas de folk, shoegaze ou música de cámara.

Un traballo melancólico, catártico, terapéutico, con textos creados ao 100 % por autoras, tanto nas letras (Lorena Souto, Antía Otero, Arancha Nogueira, Marga Tojo, Ledicia Costas, Xess Mondelo e Charo Lopes) como nos spoken words espallados polo disco (Lara Dopazo, Lucía Aldao, Alba Cid, Luz Fandiño, Theresa P. Lousame, Xela Arias e Nuria Vil). Dentro da homoxeneidade sonora, salientaría especialmente a canción que o titula, “Xardín de inverno”, “O ruxir da túa ausencia” … e un formato físico pouco habitual, fermoso e sen contaminantes plásticos: un lenzo coa capa do disco montado en madeira onde aparece un código QR que leva á súa escoita en plataformas dixitais. Podes descargalo gratuitamente en múltiples formatos en  www.fannyealexander.net

Pepe Cunha, 27-decembro-22

AXENDA