Familia Caamagno presentou “O mundo está derrotado” e máis … 29-out-22

Novembro 03, 2022

Quen topou con algún concerto de Familia Caamagno dará fe de que máis cedo que tarde se monta a festa. O seu repertorio de pop-rock de feituras clásicas e a entrega habitual da banda con Manuele á fronte nunca falla, nin con fans nin con debutantes. A diferenza nesta ocasión era que se trataba da sala de concertos de referencia no país e que non había que gañar a ninguén. Tocaba presentación de disco e a audiencia viña tan entregada á causa que moitas xa coreaban as pezas de “O mundo está derrotado”. Así, o doado sería quedar no confort dese “xogar de local”, arrodeados de centos de amigas, e ofreceren un concerto “marca da casa”. Porén, a banda de Sigüeiro aproveitou a ocasión para vestirse con traxe elegante de festa e darlle á ocasión iso e máis.

O ambiente á entrada da Sala Capitol era entusiasta. Flotaban as ganas de cantar na nosa lingua, de bailar, de recibir as novas cancións ao vivo … e de sermos testemuñas do que só podía pasar esa noite: as colaboracións. E isto último foi o que lle deu unha dimensión maior, unha emoción extra á cita. pois asistimos a unha celebración Caamagna que se estendeu ao pop-rock en galego. Reivindicouse unha das bandas que abriu o camiño ao versionaren o clásico “Calamar” de The Homens co propio Martin Wu, que tamén tocou e cantou en “Samurai” e “Un día espectacular”. O Hevi, que sempre está aí -tras Malandrómeda ou coma produtor de moitos traballos do país-, subiu co seu trebello a poñer efectos á recreación dos Hefner “O día que Fraga finou”. A actualidade sonora e os novos folgos chegaron cun Berto que acompañou en “Máquina virtual” e na súa propia e recente “Bágoas de cocodrilo”. Mon representou os Terbutalina, unha banda afín, que tamén aposta por se lanzar a salas de fóra do país e coa que comparten gustos, polo que non puideron deixar de recuperar a “Demolición” dos Saicos e provocar o enésimo pogo. E finalmente o nome que talvez espertaba máis curiosidade, o dunha Guadi Galego que, simplificando o contexto, suporía a artista consagrada, recoñecida polo gran público se na Galiza houbese algo semellante a un “mainstream”, algo que os medios teiman en non sementar. A de Cedeira achegou toda a súa forza e entrega e “Xuntos” levaron esta apropiación do Juan Pardo ao máis alto.

Ademais destes momentos únicos, cómpre mencionar esa apertura estilística da banda e o ben que funcionan as novas “1996”, “O espectáculo” e especialmente as bailábeis e hedonistas “O mundo está derrotado” e ”Romper Espagna”. Ningunha renxe sumada a este repertorio que repaso de memoria e sen orde: “Lausanne”, “Surfistas nazis”, “Rantanplan”, “C’mon baby, unga unga”, “Fóra de control”, “Mala herba”, “Guapos de primeira”, “Castromil”, “Monstro subnormal”, “Canción moderna de oriente”. Os Caamagnos están en forma e van seguir a facer abondo para que as propostas musicais do país sigan a enganchar público; da falla de apoio mediático e difusión xa falaremos noutro momento.

Pepe Cunha, 10-outubro-2022

fotos no instagram orelludo

AXENDA