Como as cousas saíron ben na gravación e edición do anterior “Hai que andar cos tempos”, o quinteto de Sigüeiro repite mini-LP de 6 cancións co selo compostelán Lixo Urbano e o estudio Circo Perrotti de Jorge Explosión, probablemente o mellor acaído ao seu estilo. Porén, no musical non se acomodan tanto e procuran explorar matices dentro das súas coordenadas do vintage 60”s e o rocanrol e pop de garaxe, especialmente en “Fuga de cerebros”, única peza que sae do molde dos 2-3 minutos.
Se o importante é que as cancións funcionen e consoliden unha marca de seu, non hai dúbida que o conseguen a base de letras divertidas, retrousos tarareables e melodías directas. Comezan moi pop con “Non saio máis” é “Lausanne (on my mind)” que soan inmediatas e clásicas; póñense mais roqueiros, sen abandonar o baile, en “Monstro Subnormal” e “Moto Run-Run”; e escurecen o son con “O tempo do lobo” e a mencionada “Fuga de cerebros”.
Se non os coñeces, dálle só un par de escoitas ás novas cancións e deseguida sentirás as ganas de ghastar pista nos seus directos. Se xa os coñeces, saberás que os seus concertos son elegantemente suorosos e de seguro confirmarás que as novas cancións encaixan sen problema ningún. Cando se teñen as intencións claras, é máis doado que as cousas funcionen e Familia Caamagno queren divertir(se) a base de cancións efectivas.
Pepe Cunha, 12-abril-2016