A banda de Sigüeiro xa estaba abondo consolidada nas coordenadas rock-garaxe-power-pop e unhas gravacións de corte vintage nos estudios Circo Perroti do Jorge Explosión. De seguro que por iso quixeron revitalizar o seu proxecto cun pequeno xiro sonoro e estilístico e para iso elixiron gravar co produtor Carlos Hernández. Mais non hai motivo para preocupármonos. Seguen a asinar cancións pop-roqueiras de corte retranqueiro que non van desentoar en absoluto nuns concertos divertidos e bailábeis.
De feito, márcanse un álbum que tira a curto en duración (25 minutos), pero que resulta moi intenso e deses que chamamos redondos, pois resultaría complicado descartar algunha das oito cancións. Abren e pechan con versións-recreacións que nos sitúan mais ou menos na década dos 90: o “Xuntos” de Juan Pardo que achegaron ao proxecto de versións “Puro Deleite” e o clásico da banda británica Hefner que pasa de ser “The Day that Thatcher Dies” a “O día que Fraga finou”. Vemos que a dose xenerosa de humor-ironía-sarcasmo non falta. Entre as mencionadas sitúan unhas composicións propias que xogan coa crítica social e o carácter hedonista de quen sabe o que hai pero que o leva como máis lle presta.
“O mundo está derrotado” é o resultado do paso do quinteto por un proceso de “Chapa e pintura”, dun cambio na produción que funcionou tan ben como no caso do “Bestieza” de Los Enemigos. Un traballo que combina nostalxia (sobre todo a estupenda “1996”), choque xeracional (“Máquina virtual”), ramallazo de rabia ben contida (“Samurai”), ganas de festa (“Romper Espagna”), baile (“O mundo está derrotado”) e perspectiva da realidade e certo ar “indie” (“O espectáculo”). Falan que «nace froito dunha situación excepcional, e que mira cunha risa nerviosa todas esas noticias de inflacións, guerras e cambios climáticos». Vale, si, e ademais o que importan son as cancións e aquí funcionan moi ben para corear e bailarmos.
Pepe Cunha, 22-febreiro-2023
Edicións en CD e vinilo á venda na web de Folc Records