Ás veces os créditos dun disco non traen sorpresas e iso pode ser bo sinal. Este quinteto que chega de Sigüeiro practica a parte máis directa e lúdica do pop e rock dos 50 e 60 e o seu debut en formato físico tiña que ser producido por Jorge Explosión nos estudios Circo Perrotti. Desde a primeira escoita confirmamos que a aposta resultou atinada. Ás súas gravacións anteriores, colgadas no bandcamp, faltáballes ese lustre “analóxico” para o que o líder dos Doctor Explosión necesita apenas un par de días. Sempre e cando a banda veña coas cancións ben preparadas, deduzo.
Este mini álbum ofrece 6 cancións cos seus retrousos efectivos e unhas letras ben acaídas para cantar con desenfado e caer no baile máis básico e festeiro. Sexa a ritmo de surf, beat, rock and roll, garaxe, rhythm and blues … os Caamagno soan clásicos e aseguran a festa no directo. Nesta liña, “C”mon Baby, Unga-Unga” é pura incitación ao baile máis tolo: “porque bailar raro é o mellor/ven para aquí, chaval, ven a facer o mongol””. Enganchan coa raiba vital de“Fóra de Control”, a inspiración nas películas de serie-B en “Surfistas nazis” (“Na praia da Lanzada, a xente non se bagna…”), o escarnio dos que se coidan de máis co deporte (“Rantanplán”), as lerias sentimentais (“Mentireira”) ou esa tradición de ofrecer versións, neste caso a mítica “Poison Ivy” de Leiber e Stoller recreada como “Mala herba”: “Eu tigna unha nena que disque era da ETA / e tanto a quería que nunca a quixen denunciar”.
Para pecharen un círculo lóxico, editan en CD e vinilo co selo compostelán Lixo Urbano (Samesugas, Curtinaitis, The Homens…).
Pepe Cunha, 2-abril-2014