Familia Caamagno “Había que intentalo”

Setembro 20, 2019

Tras tres anos de espera chega un novo traballo do quinteto de Sigüeiro e de primeiras semella que reafirman unha liña de continuidade. Estiran unha vez máis a duración dun EP ou mini-álbum e seguen a gravar nos Estudios Circo Perrotti canda o seu cómplice Jorge dos Dr. Explosión. Isto reforza a súa teima por evitar calquera recheo e a seguridade de como queren soar. Pero até aí o continuísmo porque desta vez o seu espectro estilístico de garaxe dos 60, rock and roll para bailar e power pop decántase por este último, con maior elaboración ou complexidade nas letras e melodías. “Un día espectacular” é un exemplo ben claro.

Non hai que preocuparse, senón todo o contrario. Seguen a ser a Familia Caamagno que tanto nos fai gozar nos concertos, coa mesma ou máis enerxía e o son de guitarras característico, con letras irónicas, divertidas e truculentas. “Castromil” (non deixes de ver o videoclip asinado por Xaime Miranda) abre e adiantou o disco, facendo ben de ponte entre o que nos tiñan acostumados e os aires que revitalizan a súa proposta. Non hai ruptura, pois no seu repertorio xa atoparamos acenos do que agora se acentúa, e seguen a facturar temas directos como os mencionados, festa e baile en “Cocogualla” ou “O peor non son os cartos”, toque soul en “Proceso soberanista”, talvez a miña favorita canda “Guapos de primeira” … e ese chisco maior de complexidade en “Canción moderna de oriente”, a única que supera os 3 minutos de manual. E a min píntame ben que no bonus track “Canción Moderna de Occidente” graven co Hevi (Malandrómeda, Fluzo).

Porén, tras as varias escoitas para facer esta reseña confirmo que o cambio non é tan grande (pero si rico) nun traballo algo máis xeneroso en duración e estilo que aqueles “Hai que Andar cos Tempos!” (Lixo Urbano, 2014) e “Para Unha vez que Saímos” (Lixo Urbano, 2016). A primeira entrega con selo asturiano Folc Records amosa que podemos confiar aínda máis nos Caamagnos. As súas influencias anglosaxoas con aires revivalistas, pero tamén máis abertas, seguen aí, nas mans duns galegos retranqueiros que falan da realidade ao seu redor, con detalles claros de costumismo en “Tabernas e rotondas”, por exemplo. Iso marca a diferencia e engancha.

Pepe Cunha, 20-setembro-2019

AXENDA

Facebook

5 days ago

Ábrete de orellas
Este sábado, na Sala Rebullón, o porriñés Peter Petrowski presenta o seu novo disco de colaboracións, ALL-STARS, co que celebra dez anos de produción musical. 💿A presentación contará coa presenza de practicamente todas as colaboracións que participaron nesta gravación e con Lakenobaila aos pratos, nun evento único e seguramente irrepetible que reunirá algunhas das voces máis importantes das músicas urbanas do País. 🌟Antes das actuacións, poderemos gozar do documental 𝗦𝗘𝗚𝗨𝗜𝗠𝗢𝗦 𝗘𝗡 𝗣É!, que conmemora os 20 anos da banda DAKIDARRÍA , cuxo cantante, Gabri, tamén colabora neste disco. 📽️Ademais, a colaboradora Nuria Vil presentará a curta 𝗗𝗲𝗹𝗶𝗻𝗰𝘂𝗲𝗻𝘁𝗲, baseada no seu poema sobre a historia obreira da cidade de Vigo e dirixida por Alba Domínguez, na que Petrowski asina a posprodución da banda sonora.E para rematar esta gran xuntanza de ALL STARS, ninguén mellor que Sapoconcho SemPoncho .🎉Non te perdas esta celebración da música galega. A cita comeza ás 17:00h coas proxeccións.🎟️ Entrada Anticipada 5€ + G.X / Billeteira: 8€💻 Entrada web: vivetix.com/entradas-peter-petrowski-presentacion-all-stars-2msj?s=link&fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEA...🏡 Entradas á venda na Cantina As Pedriñas🗓️ Sábado, 5 de Outubro.⏰ 17:00h - Proxeccións 📍Avda. Rebullón Nº 23 - Tameiga.#keler Keler #Tameiga #Concertos #Conciertos #Musica #Comunidade #Mos #Galicia #Salarebullon ... See MoreSee Less
Ver en Facebook