A banda saída de Sigüeiro ten ben claro o seu obxectivo nos directos. E non só na imaxe (uniformados con traxe) e súa proposta musical, encadrada en cancións directas de pop-rock garaxeiro enfocadas á diversión. Son dos que pican pedra concerto a concerto para deixar aquelada unha caverna onde citarnos a bailar en cada vila ou cidade. Nesta xira de presentación de “Para unha vez que saímos” non podía faltar a ferrolá Sala Super8, onde xa congregan unha parroquia fiel que saiu reafirmada en que os seus concertos son sinónimo de festa, diversión e baile.
Na reseña do novo mini-álbum, comentaba que “procuran explorar matices dentro das súas coordenadas do vintage 60”s e o rocanrol e pop de garaxe” que, como esperaba, funcionan ben no directo. Así comezan con “Monstro subnormal” e van alternando sen problema as outras 5 cancións novas coas das anteriores traballos. Non falta algunha versión, como “In the Midnight Hour” ou, se non lembro mal, “Biff, bang, pow” de The Creation e, obviamente, reservan para a recta final “Mala herba” (a súa versión do “Poison Ivy”), “Surfistas naizs”, “Unga Unga” ou “O ritmo da caverna”. Para esta última, as luces da sala e a pista de baile resultaron ben acaídas.
Manuele asume totalmente o papel de frontman en comuñón co público, sen tardar en mesturarse connosco e, desta vez, meternos a moito@s no baño. Os Caamagno teñen imaxe, unha manchea de cancións que enganchan e se entregan nos directos. Bravos!
Pepe Cunha, 9-maio-2016