faltriqueira “a capella”

Novembro 05, 2012

Sorprendente o novo traballo que recibimos das Faltriqueira, tanto no continente como no contido. Xa pasaran 6 anos do seu segundo álbum “Effecto Faltriqueira”, pero sabiamos que seguían en activo. Achegaran a súa composición “Doa a Doa” para unha serie emitida na Televisión de Galicia e participaran en compilatorios como “Cantigas do camiño” e os máis pop “Doutor Apertas. Tributo a Magín Blanco” e o triple disco benéfico que celebraba o 50 aniversario de The Beatles.

Precisamente con este último podemos enraizar o material que agora comentamos, pois a súa recreación “a capella” de “Because” é unha das catro que presentan acompañadas do alcume de “The Pockettes”. Outra canción da última etapa dos de Liverpool, “I Will”, completa a cara B deste single de vinilo con CD de audio e unha bonita pista de vídeo da peza que abre a cara A e na que se retrotraen ás primeiras décadas do século pasado: “Bei Mir Bistu Shein” fora popularizarada polas Andrew Sisters nos anos 30. Completan a selección con “I Like You Very Much”, que interpretaba Carmen Miranda no filme “That Night in Rio” de 1941.

Tras esta coidada edición “A Capella” que quedará coma obxecto curioso e case de coleccionismo, que nos depararán no futuro? Desde logo, xa amosaron abondo que non contemplan limitacións nin premuras. E menos as que lles poidan chegar desde fóra, porque elas seguirán xogando a combinar as súas voces nas composicións que lle presten.

Autoeditan elas e distribúe Resistencia.

Pepe Cunha, 6-novembro-2012

Facebook

1 week ago

Ábrete de orellas
Versión da mítica "Fairytale of New York" dos Pogues a cargo de Iván Ferreiro , Guadi Galego e moitas máis ... See MoreSee Less
Ver en Facebook