Tras “Cerca da túa orella” (2015) e “Amores fratricidas” (2019) chega o terceiro álbum da banda liderada polo actor, compositor, guitarrista e vocalista Josito Porto canda Sabela Dacal (acordeón, teclado, piano e coros). A carón destas dúas patas que se manteñen desde os comezos, renovan agora a base rítmica con Adrián Ríos á batería e Rafa Otero ao baixo. Ademais, contan en “Complicacións” coa colaboración ao contrabaixo do co-produtor do disco Pablo Vidal dende os seus estudios Aldeaglobal.
Como era de esperar, nesta media hora consolidan os sinais de identidade apuntados até agora. No lírico, ese universo de ironía, surrealismo, uns chiscos de teatralidade, humor máis ou menos sutil, irreverencia ou querencia por personaxes tirando a incómodos ou “rariños” como ese aspirante a “megaborderline” de “Non quero ser feliz” ou os “paxaros fóra do niño” de “Colgando”. No musical e arredada de virtuosismos, abanean por influencias varias da historia do pop rock clásico que podería achegalos á corrente máis desenfadada da New Wave; desde a máis rock “O mago Joao” até a country bailábel “Non quero ser feliz” pasando por un lixeiro toque escuro en “Polo teu amor”, os aires de marcha de “Esperta” e a miña favorita: a balada de subsistencia “Complicacións” que se rockea na súa coda final.
“Respirando …sempre!!” volve deixarme coa sensación de que aquí hai máis potencial do que xa comparten. Explícome. A banda soa ben, nun grao asumíbel de diferencia co habitual por estes lares e unha personalidade de seu que abondaría para que recibisen máis atención. Resístome a pensar que isto sexa un pasatempo dun Porto que xa conta cunha bagaxe musical de experimentación e inconformismo que vén dos tempos de Korosi Dansas e despois Magritte. En resumo, que aínda que non sexa seria, a esta Factoría ben poderiamos tomala máis ao serio.
Pepe Cunha, 13-novembro-2024
repertorio
1.Colgando
2.Non quero ser feliz
3.Polo teu amor
4.Esperta
5.O que tal dixeron
6.Burbulla sideral
7.O mago Joâo
8.Complicacións
9.Complicacións coda
https://factoradesubsistencia.bandcamp.com/album/respirando-sempre