Tras pasar por Korosi Dansas e Magritte, o polifacético Josito Porto argallou un dúo con Sabela Dacal e agora debutan cun título significativo pola alusión á complicidade: “Cerca da túa orella”. Porto propón que “xoguemos cos nosos pesadelos desde a melodía, desde ese neno que guía as nosas vidas, ás veces, nesa fráxil liña que o separa da perversión.” Só ler os títulos das cancións xa dá pistas da actitude e desde a primeira escoita algunha engancha coa súa coña: “Lura de bar”, “Teño corazón”, “Pobre supermán”, “Deus é un escaqueado”, “Ñam ñam”…
El compón as cancións (agás a versión do “Neuro” de Manuel Seixas), toca as guitarras e canta. Ela toca o acordeón, o piano e fai os coros nunhas cancións cunhas melodías de aspecto infantíl, desenfadado, naif. Os textos son pura ironía, humor,, con pingas de surrealismo e abonda teatralidade.
Non procures aquí virtuosismo nin grandes ocurrencias líricas, pero as oito cancións si que crean expectación cara a comungar c@s artistas nunha actuación ao vivo. Esperemos que a ilusión contaxiosa de Porto lles consiga moitas actuacións. Polo momento, proba a escoitar o seu bandcamp e ver se poderías ser cómplice na subsistencia.
Pepe Cunha, 15-outubro-2015