Factoría de subsistencia “Amores fratricidas”

Maio 23, 2019

Aínda que o coñecemos máis coma actor, Josito Porto leva na música tamén moito tempo: en Korosi Dansas, Magritte e desde hai uns anos con esta Factoría de subsistencia na que se encarga de letras e músicas. O liderado está compartido con Sabela Dacal, cuxo acordeón constitúe un punto moi característico das cancións. Presentáronse con “Cerca da túa orella” e agora consolídanse coma cuarteto grazas á incorporación dos antes colaboradores José Lameiras, batería e autor do deseño ben chulo do CD, e David Cid ao baixo. Tamén cómpre salientar o traballo de arranxos de Sergio Lameiras, responsábel de gravación, produción e guitarra eléctrica.

Coa axuda deste melloran aquel debut de toques teatrais e influencias de grupos chamados artie, como uns Talking Heads e outras bandas da new wave estadounidense. Delas collen ese pop-rock con pingas de surrealismo, humor, ironía e teatralidade vitais, de arredarse do cotiá ou de removelo desde temas máis naïf como “Volverei” ou en estruturas que buscan desacougar, coma o de “Feo”. Entre elas, pezas de melodía máis “pop” coma “Non é posible”, a bailable “Mundo feliz” ou a recuperación dunha canción do primeiro disco: “Coitado Supemán” reencárnase nunha revisión de “Pobre Supermán” adaptada ao portugués por Quico Cadaval. “Ogallá que estiveras aquí” resulta un peche atinado ao disco e máis cando o fai cun verso tan clarividente coma: “E que máis me dá o que van pensar se falo só por aí”. Aceptación da condición de rariño.

Porque o universo desta Factoría móvese xa con soltura nesa dualidade entre o real e a influencia do onírico ou as paranoias persoais. Nunha especie de fainos-caso-pero-tampouco-nos-tomes-demasiado-en-serio. Se no primeiro disco se presentaban coma unha proposta pouco habitual, agora a pulen musicalmente, facéndoa máis coidada, máis asequíbel pero sen deixar de ser eles. Porque cando todo parece normal ou cómodo, a realidade volve perturbarse coa sospeita que axexa: “Vivimos nun mundo tan real / tocando o ceo coas mans / agora que somos tan felices / chaman a porta… quen será? / Preguntan por ti”.

Pepe Cunha, 23-maio-2019

AXENDA