O trío de rap combativo formado por Garchu, Pirola e Petrowski constata o crecemento dun proxecto con só uns anos de vida. Hai 2 anos presentáronse coa canción “A herdanza do vento” e sen pausa foron amosando bo gusto para as bases, variedade estilística e colaboracións. Tras sinxelos como o seu éxito “Non é verán de Estrella Damn” ou “Esmorga inferno”, e os mini-álbums dixitais “Aspiracións mínimas e urxentes” ou “100” cos seus 3 actos, presentan agora un primeiro álbum de seu, con edición física coidada, as súas dez novas cancións e unha bóla extra: “Ouvean os lobos”, un atinado achegamento ao rock acústico con Samu Acaracán.
Preséntano coma “un traballo no que establecemos un paralelismo entre a actualidade e os Estados Unidos dos anos 30, asolados pola crise e polo Dust Bowl. Nel tamén facemos unha homenaxe á voz dos cantautores antifascistas, que transmitiron a rabia e a loita dun pobo sumido na fame e na miseria.” Así, na primeira canción, “Letras para Woody Mellor”, xa declaran principios: “facemos rap de trova para dar sempre na clave, somos a herdanza natural de Woody Guthrie e Joe Strummer” e reivindican o compromiso de Billy Bragg, Pete Seeger, Violeta Para, Mercedes Sosa, Víctor Jara .. Si, no lírico teiman en se manteren fieis ao espírito das súas referencias, e no musical en ofreceren un envoltorio musical que axude asimilar tanta carga verbal; como, salvando as distancias, un “Sandinista” condensado dos Clash e desde o rap.
En “Pólvora e tormenta” (“Cando a clase está famenta, xa non queda opción, voltan pólvora e tormenta”) disparan a neoliberais e fascistas, “ao patriota de pulseira, de gomina e de Mundial” … e ao activismo “que se perde en internet”, coma en “Fulanito e menganito” onde se achegan ao raggamuffin para falar dos críticos na rede: “Veña, que esa rabia que botas nas redes pode estar na rúa contra quen a merece” … Froito de xiras e colaboracións por diferentes puntos do estado apóianse en colaboracións de Arnau Giménez (ZOO) e Martín Plan-B, La Pegatina, High Paw, Salma …. para traballar na diversidade estilística e transmitir climas non só de rabia e reafirmación do compromiso (“As uvas da ira”, “Matar a Mc Carthy”, “No passarán”, “Vento negro” …), senón tamén de nostalxia (“Pan cotiá”), ironía ou burla (Fulanito e menganito”), diversión (“Tremendo combo”) … .
Disque son “Novas letras, novos ritmos e novas ideas, sempre sen esquecer esas tres palabras que nos acompañan dende o comezo: dignidade, solidariedade e humildade.” E por riba de estilos, preferencias e prexuízos, este álbum amosa unha factura ben digna sen renunciar á súa personalidade, co apoio de compañeiras de profesión, a confianza en Iago Pico dos Pousada Son Studios e unha produtora comprometida coma Santa Guerrilla. A conxunción destes factores funciona en “Pólvora e tormenta”, malia a espesura dalgún dos seus cortes.
Pepe Cunha, 29-novembro-2018