O selo Aloud Music segue a apostar polo rock instrumental, xénero tan pouco “fácil” para o gran público. Se Toundra e Atleta xa pasaron pola nosa web, agora son os barceloneses Exxasens quen presentan con Aloud o seu terceiro álbum. Un xénero difícil de describir e sen moita capacidade de sorpresa, pero Exxasens loitan por achegar orixinalidade e risco, polo que son varios os nomes nos que se pensa mentres transcorren estes máis de 40 minutos: Mogwai, Explosions in the Sky, Russian Circles ou Red Sparowes e etiquetas estilísticas coma -e poden poñer un “post” por diante- hard-rock, kraut-rock, metal-progresivo. Eruditos ou neófitos, calquera que probe a escoita atoparase de viaxe por un universo sonoro de contundentes melodías e complexas paisaxes de guitarras. Aí están coma proba o significativo das referencias cosmolóxicas dos títulos e o deseño do digipack: “Helios”, “Eclipse”, “Nebula Seven”… Entre o máis duro dos 9 cortes, “Constellation” e “Casiopea”, en cuxo fin atopamos a única “colaboración”: frases dun discurso de Fidel Castro ou Che Guevara. Pouco nos pode estrañar a sona que teñen os seus concertos, onde probablemente se plasme mellor a foza destas composicións.
http://exxasens.bandcamp.com/album/eleven-miles
Pepe Cunha, 07-nov-2011