Cargando eventos

« Todos os eventos

VI Solpores en Canido

Xuño 20 @ 20:00 - 23:00
De balde

SOLPORES EN CANIDO con Ferror Records chega este 2026 a súa sexta edición. Nacía coa idea de poñer música aos solpores de verán, lanzando un ciclo de concertos gratuítos ao aire libre no Centro Cívico de Canido.

Trátase dun novo concepto baseado en formatos máis pequenos, reducindo capacidade de asistencia para gozar de experiencias máis relaxadas. Un escaparate das últimas tendencias musicais que combina concertos en directo e DJ’s nun marco incomparable. No corazón do barrio de Canido e coa Ría como pano de fondo.

Durante estes anos pasaron polo ciclo artistas como Chicharrón, Pava, Radio Océano, Mounqup, Auto Sacramental, O Rabelo ou Pablo Leira; e este ano contamos con artistas e formacións de primeiro nivel dentro da vangarda galega que iremos anunciando proximamente. Catro datas a ter moi en conta: 20 de xuño, 18 de xullo, 15 de agosto e 19 de setembro.

Solpores é un proxecto de Ferror Records que conta coa financiación do Concello de Ferrol e o apoio da Asociación Veciñal de Canido. Ademais, colaboran selos discográficos, colectivos e profesionais da cidade: xa sexa en fotografía e deseño, como en facetas audiovisuais. Este ano encárgase do deseño a ferrolana Rita G. Rivera. Todo un luxo.

A idea sempre foi a mesma: dar visibilidade aos artistas do noso propio selo, Ferror Records, ao mesmo tempo que se dá un impulso a escena ferrolana e galega con propostas atractivas para o ouvinte. Nese senso, cada ano ténse a oportunidade de descubrir propostas novas e refrescantes. Cada edición medra con respecto a anterior, tanto en orzamento como en asistencia, o que pon de manifesto que o formato cubre un oco no que son os eventos indoor na cidade.

O 20 de xuño teremos a:

AS ÁNIMAS Somos As Ánimas de Galicia, un novo proxecto que acaban de comezar Álvaro Blanco e Raúl Santiago, membros de Músculo!, xunto con Mari de Linda Guilala. Somos escuros e luminosos á vez. O noso son constrúe atmosferas etéreas, envolventes e hipnóticas, onde as guitarras reverberantes e as voces difusas crean unha experiencia sonora que invita tanto á introspección como á entrega emocional.

NEBRA é un trío lucense que mestura melodías vocais de raíz con sonoridades máis escuras. O proxecto nace en 2020 da man da cantante Sara Pérez Cruz (Sara Nebra), en colaboración co baixista Ángel Boquete (Sigilu) e a batería de Ro Muñoz (Wealman).

Tras musicalizar o poema de Federico García Lorca “Danza da lúa en Santiago”, publicaron en 2022 o seu primeiro disco, “Sereas”, co que foron finalistas na categoría Músicas do Mundo nos Premios Martín Códax da Música Galega. A súa sonoridade única combina unha voz próxima ao folk con sintetizadores de inspiración oitenteira, un baixo con sons máis propios do metal ou rock industrial, e percusións electrónicas que achegan o proxecto a estéticas contemporáneas. Sen dúbida, NEBRA é unha das propostas máis singulares do actual panorama musical galego.

AMIGA, DJ ourensá residente en Santiago de Compostela e parte do colectivo Gas Clube. Xoga con diversos sons, maioritariamente procedentes do Reino Unido —breakbeat, grime, dubstep, jungle e outras variedades de ritmos rotos—, aínda que tamén mestura xéneros como o electro, o dub techno e o bass. A súa proposta dá como resultado un equilibrio entre elementos da vella escola e os máis contemporáneos.

Detalles

Data:
Xuño 20
Hora:
20:00 - 23:00
Custe:
De balde

Recinto

Centro Civico de Canido
Ferrol, + Google Map