
nota:
SOLPORES EN CANIDO con Ferror Records chega este 2026 a súa sexta edición. Nacía coa idea de poñer música aos solpores de verán, lanzando un ciclo de concertos gratuítos ao aire libre no Centro Cívico de Canido.
Trátase dun novo concepto baseado en formatos máis pequenos, reducindo capacidade de asistencia para gozar de experiencias máis relaxadas. Un escaparate das últimas tendencias musicais que combina concertos en directo e DJ’s nun marco incomparable. No corazón do barrio de Canido e coa Ría como pano de fondo.
Durante estes anos pasaron polo ciclo artistas como Chicharrón, Pava, Radio Océano, Mounqup, Auto Sacramental, O Rabelo ou Pablo Leira; e este ano contamos con artistas e formacións de primeiro nivel dentro da vangarda galega. O 20 de Xuño foi a primeira data desta edición con: As Ánimas, Nebra e Amiga.
O vindeiro 18 de xullo, temos a segundo data, sendo o 15 de agosto e 19 de setembro as seguintes.
Solpores é un proxecto de Ferror Records que conta coa financiación do Concello de Ferrol e o apoio da Asociación Veciñal de Canido. Ademais, colaboran selos discográficos, colectivos e profesionais da cidade: xa sexa en fotografía e deseño, como en facetas audiovisuais. Este ano encárgase do deseño a ferrolana Rita G. Rivera. Todo un luxo.
A idea sempre foi a mesma: dar visibilidade aos artistas do noso propio selo, Ferror Records, ao mesmo tempo que se dá un impulso a escena ferrolana e galega con propostas atractivas para o ouvinte. Nese senso, cada ano ténse a oportunidade de descubrir propostas novas e refrescantes. Cada edición medra con respecto a anterior, tanto en orzamento como en asistencia, o que pon de manifesto que o formato cubre un oco no que son os eventos indoor na cidade.
Pantis
Proxecto de Rubén Domínguez (Telephones Rouges, Chicharrón…) que é vangarda pura. Un dos proxectos mais interesantes e rompedores da escena musical galega actual. Electrónica, poesía, ritmos a punto de escachar, sentimento e pranto.
Fantasmage
Fantasmage son Andrés Magán (guitarra) e Nico (batería e voz). Un power dúo que mestura pop, garaxe, punk, rock e subxéneros do futuro. A banda irrumpe con forza en 2011, entregando con Discos Humeantes un dos discos debut máis intensos que se recordan. Logo pararon e en 2024 deciden volver cun novo disco espectacular que presentarán en Canido.
Moreno Moreno
Alma inquieta e axitador nocturno da escena galega, MORENO MORENO leva facendo bailar desde que, alá polo 2007, no histórico pub DENTELLADAS de Pontevedra —un dos locais pioneiros en diversidade da cidade, que funcionaba como punto de encontro para xente outsider— comezou a poñer música ao máis puro estilo punk, valéndose só dun reprodutor de CDs e dun DVD.
Despois de pasar por moitos estilos musicais —e sen renunciar a ningún deles— volve agora a aquelas orixes nas que descubriu a cultura club underground e a música electrónica. Os seus sets son hoxe hipnóticos, divertidos e escuros: viaxes espaciais cun pulso retro que conecta estilos como o electro, o disco, o EBM, o noise, o electroclash, o funky ou o house, entre outros.