nota:
Uxía, unha das grandes voces da música do país e unha figura clave na preservación e difusión da nosa cultura, celebra 40 anos nos escenarios co novo directo «Será por flores», a súa proposta máis escénica ata a data. O vindeiro 16 de marzo, o Auditorio de Galicia acollerá o arranque de festa desta xira imprescindible para homenaxear a traxectoria dunha das voces máis recoñecidas da música galega. O directo contará cunha escolma de convidadas especiais que inclúen a Guadi Galego, A Pedreira, Tanxugueiras, Budiño, João Afonso, Javier Ruibal, Quim Farinha e As Mosas (Chus e Ana Senlle). Este concerto será o punto de partida da xira de celebración do seu 40 aniversario, que a levará por múltiples escenarios ao longo do ano.
Un xardín colectivo
Máis ca un concerto, «Será por flores» é unha viaxe ás raíces galegas de Uxía, ás súas composicións propias e ás músicas que a inspiraron. Cunha posta en escena coidada e innovadora, este espectáculo reflicte a evolución constante da artista, mantendo a súa liberdade creativa e explorando novas formas musicais e escénicas.
A escenografía de Carlos Alonso, a iluminación de Daniel Juncal e o son de Tito Ledesma crearán un universo visual e sensorial que transformará o escenario nun xardín de música e poesía. Cada canción será unha flor que Uxía desvelará con coidado, convidando o público a mergullarse nunha experiencia inmersiva e chea de emocións.
Da intimidade ao coral
O espectáculo evolucionará dende a intimidade ata o coral, cunha serie de convidadas especiais que marcaron o camiño artístico de Uxía. Sobre o escenario compartirán músicas e emocións artistas como Guadi Galego, A Pedreira, Tanxugueiras, Budiño, João Afonso, Javier Ruibal, Quim Farinha e As Mosas (Chus e Ana Senlle).
A dirección musical estará a cargo de Pablo Novoa, acompañado dunha banda de músicos cómplices da súa traxectoria: Sérgio Tannus (guitarra, cavaquiño, viola caipira), Santi Cribeiro (acordeón), Isaac Palacín (percusión), Pablo Novoa (guitarra eléctrica barítono)
Unha xira para celebrar a música
Considerada a grande dama da música galega, Uxía leva catro décadas construíndo pontes entre a tradición e a modernidade, cunha voz inconfundible e un estilo que transcende fronteiras. Neste concerto, a artista repasa os grandes fitos da súa carreira, interpretando temas icónicos e compartindo escenario con amigas e compañeiras de viaxe musical.
Coa palabra como eixo central e unha fonda vinculación coa lusofonía, Uxía revisará os seus traballos máis emblemáticos, desde “Enredadas” e “Mulleres a viva voz” ata as súas colaboracións con NARF ou Malvela. Tamén haberá espazo para o seu compromiso coa memoria histórica, a través de referencias a Novoneyra, Lorca, Rosalía de Castro e o seu traballo en Nunca Máis.
O concerto en Compostela promete ser unha noite chea de emocións, onde o público poderá gozar dunha proposta escénica única, cargada de sensibilidade e celebración. Uxía quere agradecer ao seu público o apoio incondicional ao longo dos anos, e esta será unha ocasión perfecta para devolver todo ese cariño cun espectáculo inesquecible.
Este primeiro concerto terá lugar na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia en Compostela o vindeiro domingo 16 de marzo ás 20h e entradas xa están dispoñibles en compostelacultura.gal