Cargando eventos

« Todos os eventos

  • Este evento pasou.

sús + Mel

Xuño 22 @ 20:00

12€

nota:

Ciclo O QUE NON SE ESCRIBE

https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/s%C3%BAs-mel

A artista portuguesa Sús presenta o seu debut en solitario: unha finísima obra de vangardismo pop, tan críptico e hipnótico como profundo e hostil.

Como unha sorte de luz escura que vén desde o futuro, a artista portuguesa colócase na electrónica de vangarda, habitando os suburbios do pop, do folclore e da experimentación. “Entre” (Raso Estudio) é un disco desenvolvido entre Copenhague e Lisboa, que bascula por espazos moi pouco ortodoxos para os códigos pop, movéndoos de sitio e obrigándoos a dialogar con frecuencias que van desde a indietrónica ata o fado, desde a canción alternativa de autor á performance sonora, sempre co son e a exploración da voz como vehículo principal.

A mesma preposición que dá título ao álbum debut en solitario do álter ego da artista portuguesa Susana Nunes (coñecida tamén por ser a vocalista de Néboa, por ser unha das metades das extintas HAĒMA ou por colaborar con artistas da talla de Baiuca) é a que dá as claves sonoras do espazo onde se sitúa a súa proposta: nun lugar intermedio, de diálogo, de confrontación e abrazo.

Mel é un proxecto no que Sandra ‘Chon’ Pérez, Raquel Pimpão “Femme Falafel” e Lucas de Centi (Néboa) tentan mesturar diferentes estilos de electrónica con certos elementos do jazz desde unha perspectiva na que os instrumentos de láminas e os sintetizadores analóxicos son elementos centrais, e serven de escusa para investigar novos camiños que transitar cos seus instrumentos principais, a marimba e o vibráfono.

O seu primeiro disco, ‘A caixa e a chave’ (Raso, 2022), é unha revisión das cantigas levadas a un terreo contemporáneo e con gran protagonismo dos instrumentos e da percusión. Nel recóllense unha serie de pezas, case todas instrumentais, que orbitan arredor da idea de canción, libres de significado, á espera de que quen as escoitei as faga súas; un traballo experimental sen narrativa, baseado en melodías, ritmos e texturas, gravado por Hevi no Laboratorio Soyuz e no que só aparecen dous temas con letra aos que lle pon voz Antía Muíño. Con este disco, a banda foi nomeada aos Premios Martín Códax 2023 na categoría de electrónica.

Ao vivo, ‘A Caixa e a chave’ conta coa participación de Antía Muíño no apartado vocal e con Miguel Arribas nos saxos e efectos sonoros. O nome da banda ven da súa admiración polo traballo das abellas e o universo estético está construído a partir de aí, tanto na portada do disco como nalgúns dos seus vídeos, realizados por Aldara Pagán.

Como peche, Sús e Mel interpretarán xuntas parte dos seus repertorios e algunhas colaboracións.

Detalles

Data:
Xuño 22
Hora:
20:00
Custe:
12€

Recinto

Teatro Principal de Compostela
Santiago de Compostela, + Google Map