
nota:
Sés anuncia as primeiras datas da xira coa que presentará o seu novo traballo Nadando na incerteza, que verá a luz o vindeiro 28 de novembro. A cantante coruñesa percorrerá Galicia no inicio de 2026 cun espectáculo que afonda na súa proposta máis esencial e honesta, fiel á súa traxectoria independente.
Primeiras datas confirmadas
Sábado 10 de xaneiro – A Coruña – Teatro Colón – 20:30 horas entradas esgotadas
Domingo 11 de xaneiro – A Coruña – Teatro Colón – 19 horas Ataquilla.com.
Sábado 17 de xaneiro – Vigo – Teatro Afundación – 20:30 horas entradas
Sábado 24 de xaneiro – Lugo – Auditorio Fuxan os Ventos – 20:30h Ataquilla.com.
Sábado 31 de xaneiro – Ourense – Auditorio Municipal – 20:30h Ataquilla.com.
Sábado 7 de febreiro – Narón – Pazo da Cultura – 2000h Entradas https://www.padroadodecultura.es/
Un novo encontro coa canción
Despois de consolidarse como unha das voces máis recoñecibles e auténticas da música galega, Sés regresa aos escenarios cun espectáculo que combina forza, emoción e palabra. A xira servirá para presentar en directo os temas de Nadando na incerteza, un disco que reivindica a canción como forma de expresión esencial e que marca unha nova etapa na súa traxectoria.
Un traballo que marca unha nova etapa
Nadando na incerteza é un proxecto no que Sés leva ao límite o seu compromiso coa autenticidade artística. O libro-disco, composto por trece temas orixinais, preséntase como unha declaración de principios: un canto á honestidade e á liberdade creativa. O single homónimo xa está dispoñible para escoita anticipada en promo.theorchard.com/213vaGJEU6yJtyk1bnBE.
Mentres quede corazón: o legado lírico dunha década
De forma paralela ao novo disco, Sés presenta o letrario “Mentres quede corazón”, unha recopilación que abrangue toda a súa produción lírica e que se converte nun valioso documento da evolución dunha das voces máis auténticas e persoais da música galega contemporánea.
Este letrario non só complementa o novo traballo discográfico, ofrece tamén unha perspectiva integral da súa obra, permitindo adentrarse na profundidade e sinceridade das súas letras, que van do íntimo ao universal, do persoal ao colectivo, e que a converteron nunha referencia dentro e fóra de Galicia.
Sobre Sés
Sés (María Xosé Silvar) construíu ao longo de máis dunha década unha carreira marcada pola independencia creativa e a fidelidade á canción. Dende 2011, esta cantora coruñesa desenvolveu unha sonoridade singular que bebe de múltiples influencias —rock, blues, folk, canción de autor e tradicións musicais galegas e latinoamericanas— para crear un universo sonoro propio e recoñecible. Con nove discos publicados, a súa obra caracterízase pola autenticidade dun discurso que vai do íntimo ao universal, conectando cun público cada vez máis amplo e fiel.
A súa capacidade para asumir todos os roles do proceso creativo —composición, interpretación, produción, gravación— convértea nunha das figuras máis singulares da música galega contemporánea. Os seus traballos levárona a actuar por toda Galicia e a traspasar fronteiras, presentando a súa música en escenarios da península ibérica e internacionais de países como Arxentina, Uruguai, México, Paraguai, O Salvador, Alemaña e Inglaterra. Esta traxectoria, sempre allea a modas e estereotipos, consolidou a Sés como unha voz imprescindible, recoñecida tanto pola crítica como polo público pola súa forza interpretativa e a honestidade do seu universo artístico.