Cargando eventos

« Todos os eventos

  • Este evento pasou.

Festa dos Porcos: Orquestra Bravú Xangai + Habelas Hainas + Maghúa …

Xuño 8

De balde

nota:

A Festa dos Porcos encherá de música en galego Labañou e San Roque de Fóra
Orquestra Bravú Xangai e Habelas Hainas serán dous dos atractivos da Festa dos Porcos, que volve aos barrios de Labañou e San Roque de Fóra este sábado 8 de xuño. A Praza da Tolerancia acollerá unha nova edición deste festexo, recuperado en 2019 e inspirado na romaría popular que se celebrou ata os anos 60 e que debe o seu nome ás cochiqueiras que poboaban a zona.
A festa completará unha fin de semana cargada de celebración e música en galego nunha praza, ao carón da Escola de Náutica, que o día anterior, o venres 7, acolle a primeira edición do festival Aquí tamén se fala, coa actuación de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria.
Xa o sábado, desde o mediodía, a música e a troula serán protagonistas, comezando a partir das 12 do mediodía na sesión vermú, que contará coa actuación d’Os Viqueiras, grupo de música folk tradicional de Ordes con máis de trinta anos de traxectoria. A continuación, sobre as 13 horas, será o disco ambulante da Lilicleta a que traerá a música e o humor sobre tres rodas.
Pola tarde haberá xogos tradicionais para a rapazada e a partir das 18 horas chegará á Praza da Tolerancia unha actuación de Sempre Arriba, que inclúe clown e acrobacias. Será antes de que arredor das 20 horas a xornalista Belén Regueira dea o pregón das festas.
A periodista nada e criada en Labañou, acumula décadas de experiencia na TVG e na Radio Galega, vén de ser nomeada decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e é unha das caras visibles do movemento Defende A Galega, que suma seis anos de mobilización contra a manipulación dos medios públicos.
Despois serán as pandeiretas e as voces de Maghúa, grupo coruñés de cantareiros, as que amenizarán a xornada antes de que ás 21:30 horas suba ao escenario da Praza da Tolerancia Habelas Hainas, grupo de mulleres que apostan por músicas de raíz galega dende olladas feministas e sociais e pura enerxía.
Porá o ramo a partir das 22:30 horas, Banda Xangai, o grupo que colle prestado o alcume do tren que uniu Galicia e Catalunya durante décadas e que xunta entre os seus compoñentes importantes nomes de bandas xermolo do movemento bravú e outros proxectos. Liderados por Xurxo Souto, d’Os Diplomáticos de Monte Alto, e con presenza de membros d’Os Papaqueixos ou O Jarbanzo Negro.
Será o punto álxido dunha Festa dos Porcos que completará unha fin de semana de xuntanza e reivindicación en Labañou e San Roque. Un festexo pensado para a mocidade que chegará un día despois da celebración este venres, na mesma praza, da primeira edición do festival de música en galego Aquí tamén se fala, que traerá a partir das cinco da tarde a Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria.
Un festival promovido desde un dos institutos do barrio, o IES Rafael Dieste, que ve como unha experiencia nas clases de galego virou na que pode ser considerada xa a maior campaña de dinamización lingüística feita antes en Galicia. De pegar carteis co lema Aquí tamén se fala galego polas tendas e locais de Labañou, San Roque e Riazor a chegar a milleiros de establecementos por toda Galicia e centos de institutos e concellos, implicar entidades e viralizarse a través do apoio de figuras e persoeiros do mundo do cine, do espectáculo, da televisión e, sobre todo, da música en galego, que será a gran protagonista o venres e o sábado.

Detalles

Data:
Xuño 8
Custe:
De balde

Recinto

Barrio de Labañou
A Coruña, + Google Map