nota:
Liberdade, sensualidade e afectos. A noite do vindeiro 29 de setembro, venres, a FOLĪA das ARDENTES chega a Compostela dun xeito irrepetible. A Sala Capitol acollerá o directo de presentación do primeiro traballo discográfico de Mondra, un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega.
Artista, cantareiro e bailador, Mondra presenta con ARDĒN (Altafonte, 2023) -a súa esperada ópera prima, producida por Berto, que verá a luz o mércores 20 de setembro- unha experiencia musical, visual e performativa en diálogo coa música tradicional galega.
Do son ARDENTE xa se coñecen temas como PUNHETA!, SACOdePULGAS, Beijos de LK e RUMBAMBĀ. ARDĒN é unha proposta que viaxa dende a electrónica aos retrousos tradicionais, que é luminosa e reflexiva ao tempo, que celebra e reclama, que murmura e danza, que coida e berra… abrindo a porta a unha terra diversa e de resistencia.
Coa presentación ao vivo de ARDĒN o venres 29 de setembro, a Capitol será testemuña dun espectáculo único, coa presentación dos temas inéditos de ARDĒN, danza e visuais sobre a escena e convidadas ben especiais.
ARDENTES, a ruare!