Cargando eventos

« Todos os eventos

  • Este evento pasou.

Ciclo Jazz no Outono: Juzz

Novembro 8, 2025 @ 20:00
8€ - 12€

nota:

Virxilio Da Silva presenta en Cangas o novo disco de JUZZ dentro do ciclo “Jazz no Outono”
As entradas poden adquirirse xa en jazzcangas.org

A Casa do Pobo de Cangas acollerá este venres 8 de novembro o concerto de JUZZ, a banda liderada polo guitarrista galego Virxilio Da Silva, unha das figuras máis recoñecidas da escena jazzística europea. O concerto forma parte do programa Jazz no Outono, organizado pola Asociación de Jazz de Cangas, e será a estrea da xira de presentación do seu novo traballo discográfico.
JUZZ é unha formación de jazz-rock ecléctica e vibrante, que aposta pola liberdade creativa e pola fusión entre linguaxes. A súa música bebe do rock psicodélico e progresivo, do jazz máis libre e mesmo do post-rock e o noise, creando un son poderoso, hipnótico e cheo de intensidade.
O novo disco, gravado no verán de 2023, continúa o camiño iniciado no seu debut de 2017, mais abre novas vías de exploración sonora. A crítica internacional definiu a banda como “un cóctel improbable, pero máis que logrado, de jazz rock progresivo, stoner e free jazz, con toda a elegancia da escena de Canterbury” (Wayside Music, 2024).
En JUZZ conflúen seis músicos de primeiro nivel da escena galega, estatal e internacional:
Virxilio Da Silva (guitarra e composición), Rosolino Marinello (saxo tenor), Álex Salgueiro (órganos e sintetizadores), Xan Campos (Rhodes e sintetizadores), Felix Barth (baixo eléctrico) e Iago Fernández (batería).
As portas abriranse ás 19:30 h e o concerto comezará ás 20:00 h. As entradas teñen un prezo de 8 € para socias/os e 12 € prezo xeral, e poden adquirirse anticipadamente en jazzcangas.org ou directamente no propio espazo ata completar aforo. A entrada será de balde para menores de 18 anos, como parte do compromiso da Asociación de Jazz de
Cangas por achegar esta música ás novas xeracións.

Virxilio da Silva
Virxilio Da Silva é recoñecido polo seu virtuosismo, versatilidade e capacidade para sorprender, cualidades que o sitúan como unha das voces máis destacadas da escena galega e estatal.

Formado no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, ampliou os seus estudos en cidades como Porto, Ámsterdam, Copenhague e París. Ao longo da súa carreira asinou dous traballos ao seu nome, Odisseia e Juzz (homónimo deste segundo álbum que presenta en Cangas) que reflicten unha personalidade musical inqueda e aberta, marcada polo rock psicodélico e o pop.  A súa pericia e sensibilidade na guitarra convertérono nun músico moi solicitado, tanto no ámbito do jazz como noutros proxectos, colaborando con artistas como Xabier Díaz, Mónica de Nut ou en formacións como Loiros, The Manueles ou Fuzzo.  Sen dúbida, trátase dun dos principais embaixadores do jazz galego, e todo un referente pola súa capacidade para compoñer, improvisar e crear paisaxes sonoras que atrapan ao público dende o primeiro acorde.

 

Detalles

Data:
Novembro 8, 2025
Hora:
20:00
Custe:
8€ - 12€

Recinto

Casa do Pobo
Cangas, + Google Map