Cargando eventos

« Todos os eventos

  • Este evento pasou.

Amancio Prada & Real Filharmonía de Galicia

Setembro 20 @ 20:30

22€

nota:

ENTRADAS: https://mare.gal/entradas/

O Festival Maré, que terá lugar en Compostela entre o 20 e o 24 de Setembro, abrirá a súa programación o mércores 20 de setembro no Auditorio de Galicia de Santiago, cunha estrea especial. Por vez primeira, o histórico cantautor Amancio Prada presentará coa Real Filharmonía de Galicia a versión sinfónica dos Seis Poemas galegos de Federico García Lorca, coa orquestación e dirección de David Fiuza e a colaboración especial do Coro Cantigas e Agarimos.

Maré continúa deste xeito unha liña de fomento da produción propia, conectando colectivos musicais da cidade con artistas de todo o mundo. A Real Filharmonía de Galicia xa abrira o festival en 2021 co Mali Trio da Kali (Mali) e en 2022 coa mítica banda escocesa Capercaille. Maré aposta deste xeito por ser o catalizador das conexións de Galiza co mundo a través das conexións lingüisticas, culturais, históricas e emocionais.

Amancio Prada (Dehesas, León, 1949), é unha figura de referencia e un dos grandes difusores do corpus poético galego e español a través das súas composicións. Cunha prolífica discografía plasmada en 36 álbums, gran parte deles en galego, Prada transformou a obra escrita de grandes poetas en cancións populares que acabarían formando parte da memoria colectiva de varias xeracións. Desde a lírica dos trovadores galego-portugueses, San Juan de la Cruz ou Agustín García Calvo, pasando por Miguel Hernández, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro e os seus adorados Rosalía de Castro e Federico García Lorca.

O cantautor do Bierzo comezara en 2009 a traballar arredor dos Seis Poemas galegos de Lorca, cuxa obra completou coa publicación en 2014 do disco “Federico García Lorca, poeta en Galicia”. Neste concerto especial que abrirá o Festival Maré será a primeira vez que se interpreten os poemas de Lorca en versión sinfónica, e suporá a segunda vez na historia que colaboren Amancio Prada e a Real Filharmonía de Galicia. Será vinteseis anos despois de teren rexistrado en 1997 o fermoso disco “Rosas a Rosalía”, con colaboración como María del Mar Bonet, María Dolores Pradera; Martirio ou Marisa Paredes. “Será unha obra pensada en forma de suite, unha obra única e contínua en seis movimentos, fluindo coa mesma naturalidade que amosou Lorca”, afirma Prada sobre este traballo que considera “unha homenaxe a Galicia e á súa alma”.

Celebrando 50 anos de“Vida e Morte”, primeiro disco de Amancio Prada, gravado en París en 1973

Este concerto especial que abrirá o Festival Maré terá o seu prato forte na estrea sinfónica dos poemas galegos de Lorca, pero tamén haberá unha primeira parte cargada de emoción. O motivo é que suporá a primeira das actuacións da xira “Celebrando 50 anos desde `Vida e Morte`”, na que o artista lembrará este disco fundacional. Deste xeito, haberá unha parte para a celebración e outra para reivindicar un prolífico traballo creativo que segue mirando ao futuro.

Gravado en París en 1973, e publicado en Francia por vez primeira en xaneiro de 1974, “Vida e Morte” converteuse, con España aínda no franquismo, nun disco de culto que ía de man en man de xeito clandestino. Composto dunha ducia de cancións, a metade de elas en galego, foi un dos traballos pioneiros en musicar poetas en lingua galega, pasando a cancións poemas de Rosalía de Castro, pero tamén outros poetas contemporáneos de aquel momento como Celso Emilio Ferreiro ou Darío Xohán Cabana, que escribiu o poema do que toma o título o álbum.

Poemas transformados en cancións como “María Soliña” ou “Como chove miudiño”, pasaron ao acervo popular interpretados por Amancio Prada, nun disco no que tamén musicou a poetas como Miguel Hernández, Nicolás Guillén o berciano Luis López Álvarez e poemas seus propios en galego e castelán.

“Vida e Morte” está considerado un dos discos fundacionais da música galega e que, segundo as palabras do artista, “contén a semente de todo o traballo que chegaría despois”. A celebración dos 50 anos deste disco estruturarase arredor dunha xira internacional, un documental, un novo disco do autor e outras iniciativas que se anunciarán proximamente.

As entradas para o concerto de Amancio Prada e a Real Filharmonía de Galicia están xa á venda na web do festival mare.gal e na páxina enterticket.es que xa anunciou tamén a presenza doutros artistas de relevancia internacional como a cantautora brasileira Bia Ferreira, o cubano Alexander Abreu e Havana D´ Primera ou o británico Don Letts, que traerá o seu DJ set á capital galega. Ademais, o festival acaba de poñer á venda, tras o éxito dos anteriores abonos totais, unha segunda tanda de entradas para a totalidade das actividades polo prezo de 100 euros. Con ela, teráse acceso a todos os concertos que se enmarcan dentro do festival.

Detalles

Data:
Setembro 20
Hora:
20:30
Custe:
22€

Recinto

Auditorio de Galicia
Santiago de Compostela, Galiza + Google Map
Ver a Páxina Web do Recinto