Eugene “Hideaway” Bridges

Xullo 21, 2013

Eugene é un auténtico nómade da música. A súa vida está na estrada e o seu fogar sitúase en cada lugar no que actúa, xa sexa en Estados Unidos ou nas súas moi frecuentes estadías en Europa, Australia e outros lugares do mundo.
Naceu en Nova Orleáns en 1963 e creceu en Amite (Lousiana).O seu pai era o guitarrista de blues “Hideaway” Slim, e a súa nai era familiar directa de Anna Mae Bullock, máis coñecida como “Tina Turner”.

En 1980, trasladouse a Houston e empezou a gravar discos de blues, góspel e r&b con varias bandas, pero tamén co seu propio grupo: “The Eugene Hideaway Bridges Band”. No ano 2000, lanzou o seu disco titulado “Man without a home” que serviu de base a unha xira mundial que abarcou desde os festivais máis afamados dos Estados Unidos, a distintas actuacións por toda Europa, desatando auténticas tormentas de entusiasmo alí onde foi, con ese especial selo de son sureño. En 2003 publicou “Jump the Joint”, que alcanzou o número catro nas listas de discos de blues, e en 2004 gravou “Coming Home”.
O seu seguinte traballo en estudio fíxoo en solitario, á marxe da súa banda clásica, e asinouno co seu propio nome “Eugene Hideaway Bridges”. Este disco obtivo dúas candidaturas aos Blues Music Awards (os premios máis prestixiosos do mundo neste estilo de música) en 2008.

No ano 2009, agasallou aos seus fans cun disco en directo, “Live in San Antonio” un traballo que foi candidato nas categorías de mellor disco e artista de soul-blues nos Blues Music Awards de 2011. Nese mesmo ano 2011 grava un novo CD de estudio, que titulou “Rock and a Hard Place”. Trátase dun álbum cheo de blues, soul, jump, funk, góspel, rock e beach music. Nin máis nin menos que tres candidaturas nos Blues Music Awards supúxolle este o seu, ata o momento, último disco: Álbum do Ano, Álbum de Soul-Blues e Artista de Soul-Blues.

www.eugenebridges.com

Facebook