nota:
O dúo castelán de folk electroacústico Ethnos Atramo realizará en abril unha minixira por Galicia que os levará á Coruña o mércores 25 de abril (Garufa Club); a Santiago o 26 (Casa das Crechas); e a Vilar de Santos, Ourense, o 29 (Arca da Noe).
Ethnos Atramo é a persoal viaxe de dous músicos (Pepa G. Lillo e Gabriel Navalón) buscando o equilibrio entre o antigo e o contemporáneo a través da reinvención de ritmos e melodías procedentes do amplo patrimonio musical legado polas xeracións pasadas.
Trátase dunha orixinal proposta sonora que se irmanda tradición con vanguarda e tece pontes entre os latexos do pasado e do presente, conectando coa imaxinación do ouvinte e convidándoo a deixarse levar polo trasgo dos sons sen tempo nin fronteiras.
Logo do seu debut en 2008, ETHNOS ATRAMO actúa en emblemáticos escenarios de Castela-A Mancha. Despois de máis de tres anos de intenso traballo no estudo Crisol de Utopías (Toledo), este dúo de folk electroacústico presenta en 2013 o seu primeiro rexistro discográfico baixo o título ‘Ethnos Atramo’ que os levou por lugares e eventos de relevancia nacional e internacional, como o Museo Sefardí de Toledo, o Festival Folk Segovia, o Festival Internacional de Poesía Voix Vives, ou o Festival Madrid Folk, entre outros.
Doutra banda, a Compañía Ibérica de Danza encarga a ETHNOS ATRAMO en 2014 a composición da banda sonora da súa produción escénica “Maimónides · Unha viaxe sen retorno”, un espectáculo multidisciplinar que axunta danza, teatro, proxeccións 3D e música en directo (inspirada na tradición sefardí, ashkenazí e judeo-yemenita).
Na primavera de 2016 ETHNOS ATRAMO presenta o seu segundo traballo discográfico ‘Sinagoga del auga’, que recolle temas inéditos gravados durante os concertos ofrecidos en Úbeda (Xaén) en outubro 2013 e maio 2014. Alén dos seus discos, a música de ETHNOS ATRAMO estivo sempre moi ligada ao mundo das letras, xa que non só participou no Festival Internacional de Poesía Voix Vives musicando as palabras de relevantes poetas mediterráneos (Liliane Giraudon, Hakim Miloud, Pilar González España, Kristina Mrdja, entre outros) e na última edición do Festival Eñe dirixido por Manuel Rivas (Círculo de Belas Artes de Madrid) como único grupo musical convidado, senón que tamén interveu en numerosos recitais de poesía hebrea (clásica e contemporánea), poesía mística española do s. XVI, poesía castelá contemporánea, etc.
Ethnos Atramo son:
Pepa G. Lillo (voz, rabel e percusións)
Gabriel Navalón (teclados, salterio, cuencos tibetanos, programacións e ambientes)
Máis información: