nota:
Airapro celebra o seu primeiro aniversario na cidade dos cabaleiros cun evento titulado “Ola Betanzos!” no que haberá música e humor, e todo de balde!
— Os Heredeiros da Crus tocarán algúns temas en acústico, asinarán exemplares do seu novo disco, “Jard Rock con fe” e anunciarán as datas dos seus concertos en agosto
— Ademais doutros actores como Fede Pérez ou Pepo Suevos, participarán os fundadores da produtora, os humoristas Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro
— Tamén actuará o dúo acústico Factoría de Subsistencia, o novo proxecto musical de Josito Porto
— O microfestival comeza ás 12:00 e haberá mexillóns de balde coas consumicións
Un ano despois da chegada de Airapro a Betanzos, a empresa dos actores e humoristas Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán e fundada inicialmente en Carral, preséntase en sociedade na cidade dos cabaleiros. Será o sábado 20 de xullo ao mediodía, cunha sesión vermú bautizada como “Ola Betanzos!” que comezará contra as doce e se prolongará até as tres, e pola que pasarán algúns dos artistas con máis sona de Galicia, como Heredeiros da Crus, Pepo Suevos, Fede Pérez ou os propios Touriñán e Pereiro.
Será un acto informal, cun showcase dos Heredeiros da Crus encabezando o cartel. Os de Ribeira tocarán cinco ou seis temas e asinarán camisolas e exemplares do seu novo disco, Jard Rock con Fe, e ademais anunciarán varias datas de concertos en agosto. Antes da actuación de Heredeiros también tocarán en directo o dúo formado polo actor Josito Porto e Anxo Graña, baixo o nome de Factoría de Subsitencia.
O humor tamén terá o seu espazo neste pequeno festival coa presenza de Pepo Suevos, que contará algunhas das historias coas que ten feito rir en centos de locais por toda Galicia, e cos propios Pereiro e Touriñán, aos que acompañará Federico Pérez, o coñecido Josito de Padre Casares e Moncho de Era Visto! Os catro exercerán como mestres de cerimonias na praza de Pintor Seijo Rubio, a escasos metros das instalacións de Airapro na capital brigantina.
Instalaranse varias barras na praza, con venda de bebidas e mexillóns de balde con cada consumición. Todo grazas á colaboración do Café – Bar Dimi, que curiosamente cumpre tamén un ano en Betanzos.
SÁBADO 20 XULLO – OLA BETANZOS! – r/ Pintor Seijo Rubio – 12:00 – De balde
12:00 – Presentación do acto con Marcos Pereiro, Xosé A. Touriñán e Fede Pérez
12:20 – Concerto Factoría de Subsistencia
12:50 – Monóloo Pepo Suevos
13:30 – Concerto Heredeiros da Crus