este sábado 19, xornada formativa do Premio Narf na Coruña

Novembro 18, 2022

Este sábado 19 de novembro terá lugar unha xornada formativa para músicos dentro das actividades paralelas do Premio Narf. A xornada, que comeza ás 10.30 da mañá, terá lugar na sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña e incluirá as seguintes conferencias:

Andrea Villa: Experta en comunicación cultural. No mundo da música ten traballado en festivais como Reperkusión, Revenidas ou SonRías Baixas e con bandas como Tanxugueiras ou LaMontagne & PicoAmperio.
Ania González: “Coida os teus dereitos”. Avogada especializada en dereito da cultura e propiedade intelectual.
Jordi Lauren: ”Claves para unha carreira musical a longo prazo”. CEO de PlayPlan, detrás do fenómeno Tanxugueiras, ademais do festival SonRías Baixas, entre outros proxectos.

A xornada está aberta a todo o sector cultural. A inscrición está aberta ata o 16 de novembro aquí: https://premionarf.gal/o-concurso/xornada-formativa/

Gala final do Premio Narf

A final do Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña terá lugar o domingo 11 de decembro no Teatro Colón da Coruña ás 19.00 horas nun espectáculo aberto ao público que tamén será retransmitido en directo a través do canal de Youtube de Cultura da Deputación da Coruña. Nel participarán as tres bandas finalistas: Madalena Gamallo, Mallou e Noar, ademais de Berto, o grupo convidado, nun acto que estará conducido polo xornalista Luís Pardo.

O Concurso Fran Pérez “Narf” de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf”. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala, Peña ou Familia Caamagno, entre outras.

As bandas finalistas

MADALENA GAMALHO é unha vocalista e compositora que destaca, segundo o xurado “pola súa calidade musical e polo coidado da súa proposta”. Con formación clásica, formou parte de Nota Bene, do coro Vía Sete, e das bandas Os Meninos e Laroá. Está a presentar o seu álbum de estres, ‘Invento’, xunto o músico e produtor Iván Barreiro, cun proxecto que integra letras e melodías que invitan a conmover, conectar e reflexionar sobre o ser, a vida e as súas contradicións, dende universo sonoro moi ecléctico e atrevido, que recibe influencias de pop, rock, funk e world music.

MALLOU son Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez. Deles o xurado destacou “a contemporaneidade dos sons de raíz e as influencias narfianas”. Xuntos fan unha viaxe conxunta e individual dende músicas lonxanas, dende as linguaxes da música americana de raíz: country, blues e soul ata a música galega. Sabela e Benxamín achegan un repertorio onde entrelazan cancións que forman parte do ideario musical galego con creacións e composicións propias, cunha profunda inspiración na maneira de crear de referentes como Fran Pérez, Narf; sentindo a música como elemento de encontro entre xéneros, estilos e realidades.

NOAR é un proxecto de Iago Marta e & Rubén Fernández de quen o xurado salientou “a proposta arriscada que desde o jazz busca unha voz propia e orixinal”. Comeza a tocar xuntos en 2013, pero non é ata 2019 cando forman Noar, publicando un traballo (‘Ao vivo’) en 2020. Desde entón teñen participado en diferentes festivais por toda a Península.

Toda a información en https://premionarf.gal

 

AXENDA

Facebook

15 hours ago

Ábrete de orellas
A actualizar a axenda de concertos con citas como estas.De contactardes abretedeorellas@gmail.com facilitariades o labor. 😁 ... See MoreSee Less
Ver en Facebook