Esta fin de semana en Monterroso, o 4ª Festival Agrocuir da Ulloa

Agosto 22, 2017

A Ulloa prepárase para converterse na capital mundial Agrocuir

Pioneiros na visibilización dun rural diverso, o colectivo agrogay de Lugo transita na súa 4ª edición cara ao “agrocuir”, reivindicando a loita do colectivo trans e “a liberdade de ser o que cada quen desexa”

Monterroso acollerá a última fin de semana de agosto un completo programa de actividades, no que destacan as actuacións de Mercedes Peón, Rodrigo Cuevas, Tanxugueiras, Radio Cos e Silvia Penide

Os días 25 e 26 de agosto terá lugar en Monterroso (Lugo) o 4ª Festival Agrocuir da Ulloa, adicado á defensa do bosque autóctono e á loita do colectivo trans. Nesta cuarta edición, o festival transita dende o “agrogay” cara ao “agrocuir”, nun intento de “abrir o abanico de posibilidades de existir, sen xénero que determine se es home, muller, lesbiana, gay, aldeán, urbanita, travesti, transexual, hetero ou calquera das denominacións nas que debemos encaixar para ordear, clasificar, cuantificar a cultural natureza humana”. “Somos cuirs”, resume Laura Halçague, “porque valoramos a liberdade de sentir, de ser o que cada un desexa”.

O festival recupera, tamén, nesta edición a bandeira de oito cores, que é a bandeira orixinal que representaba o movemento LGTBIQ. “Perdéronse dúas cores polo camiño”, explica Gina Gisbert, “o rosa e o azul claro, que representaban precisamente a bandeira trans”. “O colectivo trans”, abunda, “foi moi relegado dentro do movemento, a pesar de ser precisamente os que iniciaron a loita”. Por iso, este ano o festival dedica os seus premios á visibilidade desta edición ao colectivo trans.

Monterroso converterase, así, a última fin de semana de agosto, na capital mundial do Agrocuir, demostrando, unha vez máis, que o rural galego “entende”. A festa comezará o venres 25 na vila de Monterroso, coas actuacións de Silvia Penide, ás 20h30, e de Radio Cos, ás 22h. Despois, haberá sesión dj”s ata ben entrada a madrugada.

O sábado 26, xa de boa mañá, a Granxa Maruxa acollerá un obradoiro de baile tradicional con Gabi Reboredo e un taller básico de cordas co colectivo Encorda2, ambos os dous ás 11h. Ao mediodía, haberá sesión vermú con Tanxugueiras. E a partir das 13h, actividades lúdico-educativas coa Escola Semente e unha táboa redonda sobre conservación do bosque autóctono, defensa do territorio e alternativas sustentables. Despois do xantar colectivo na carballeira da Granxa, proxectarase o derradeiro filme do ciclo de cine LGTBIQ, ás 15h; haberá un contacontos musicalizado coa Escola Semente, ás 16; e a actuación de Rodrigo Cuevas, ás 18h. Ás 19h terá lugar a lectura do manifesto e a entrega dos premios á visibilidade e seguirá a actuación estelar de Mercedes Peón. Pola noite, a festa trasladarase á vila de Monterroso, cos cantos de taberna e o peche na Peneda, a cargo de Moreno-Moreno Dj, Dj Forestal e máis sorpresas.

As actividaes na vila de Monterroso serán gratuítas, pero o aforo da Granxa Maruxa é reducido, polo que para as actividades do sábado 26 de agosto haberá que mercar entrada, que custará 7 euros. O colectivo Agrocuir non ten ánimo de lucro, todos os ingresos obtidos serán destinados a cubrir os gastos do evento.

AXENDA