nota:
22.00 ESPIÑO (pop/psicodelia) + NASTASIA ZÜRCHER (funk/soul/groove) – Praza de Cervantes
Espiño é novo proxecto musical de Alfonso Espiño (Contrastes, Mega Purple Sex, Toy Kit, Los Chavales), compostelán de 1976 ligado ao mundo da música dende hai máis de vintecinco anos. Alfonso afronta esta nova etapa abondando no eido do pop de corte psicodélico, adubiado con certas pingas de rock progresivo e un chisco de folk-rock. O músico santiagués amosará a súa faceta máis imaxinativa, apostando pola produción propia e o idioma galego.
A súa banda, creada en outubro de 2016, está formada por Alfonso Espiño a baixo e voz principal, Brais Sánchez ás guitarras e coros, Alexandro González aos teclados e coros e Curro Marcos á batería. A pesares do pouco tempo transcurrido dende o inicio do grupo, Espiño alzouse co primeiro premio do II Certame Galicia Creativa, convocado pola Fundación Autor a finais do pasado ano, na categoría pop/rock. Dito premio permitiu á formación gravar un primeiro disco, I, que se presentou o pasado 1 de xuño. O álbum, producido por Alfonso Espiño e Gerardo Amigo, está composto por seis cancións escritas e arranxadas polo propio Espiño, e conta coas colaboracións de Álvaro Crego ás trompetas e trompas e Quim Fariña ós violíns. O primeiro día do verán e case sen permitirse un respiro, Espiño lanzou o single dixital Flores, tambores e ilusións, que xa forma parte da banda sonora desta época estival.
Nastasia Zürcher, a cantante e compositora galego-suíza segue subindo chanzos e lanza o que xa é o seu segundo álbum de estudo, “Beat”. 10 temas, 10 maneiras de mover o corpo. De onda moderna e groove descarado, o novo álbum da vocalista galardoada cun Premio Martín Códax da Música (Galician Music Awards) na categoría de Música Negra (e nomeada tamén este ano na categoría de Músicas do Mundo), flúe por estilos como o Neo Soul, o R&B contemporáneo, e as chamadas Músicas do Mundo interpretadas aquí na súa vertente máis persoal, dando vida propia a un disco ecléctico e diferente, cunha producción grande e coidada sobre a que repousa a xa inconfundible voz de Nastasia.
En plena xira de presentación deste segundo Long Play, composto unha vez máis enteiramente por composicións propias, Zürcher rodéase de músicos de primerísima liña na súa chamada vira de concertos “The BEAT Tour”, un potente, elegante e vivo directo que é pura boa onda e transfusión de actitude positiva.
Aséntase con este dinámico disco unha carreira profesional baseada no bo facer e a liberdade creativa absoluta, perfilándolle a esta completa artista unha proxección nacional e internacional coa que seguir compartindo a súa arte e persoal maneira de facer sentir a Música.