Chega o proxecto máis recente e persoal de Alfonso Espiño, un popeiro de pro ao que coñecimos desde Compostela coas bandas Los Contrastes, Mega Purple Sex Toy Kit ou Los Chavales. Ao gañar na segunda edición de Galicia Creativa, iniciativa da Fundación SGAE, edita este mini álbum reflexo das súas filias arredor das diferentes tendencias do pop: psiquedlia, pop art, rock progresivo, folque …
“I” é unha carta de presentación ben agradábel en seis cancións compostas, escritas e arranxadas por el mesmo e interpretadas pola banda que o acompaña ao vivo: Alexandro González (teclados, metalófono e coros), Brais Sánchez (guitarras eléctricas e coros) e Curro Marcos (batería). Mais tamén conta con achegas acaídas do grande Quim Farinha aos violíns e Álvaro Crego Deán nas trompas e trompetas.
A grosso modo, a primeira parte (“Rebobina”, “Sen dúbida, Florinda” e “O dourado danzar” ) ofrece as pezas máis directas e luminosas, mentres que na segunda (“Louro”, “Ovni sobre o Val do Ubra” e “Engaiolante enfeitizante”) retórcense máís na experimentación, os recunchos e unha ornamentación máis propia do progresivo. Animo a profundar baixo esta xeralización e degustar os matices, que non son poucos. Como o autor expresa, “Unha actitude creativa, apostando pola produción propia e o idioma galego, concepto ó que chamará galedelia”.
Pepe Cunha,7-xullo-2017