especial Burgas Beat

Xullo 02, 2006

Tras a desaparición de Cosecha Roja, Carlos Rego e os seus colegas adoptan no 2002 unha nova denominación coa que continuaren a súa aventura musical. Á par que facendo concertos de versións e gravando para discos homenaxe, van preparando unhas cancións que gravan no paso do 2004 ao 2005. “Ni una sombra en el horizonte” ve a luz a pasado ano na entusiasta discográfica pop Rock Indiana

Burgas Beat “Ni una sombra en el horizonte”
Abrir o disco con “Gaviotas” quizais non sexa o mellor gancho polo seu carácter algo meláncólico e pesimistamente reflexivo, aínda que funciona coma carta de presentación das coidados textos de Carlos Rego e a solidez interpretativa da banda ourensá. De inmediato a radiante “Cuando llegue el buen tiempo” encumia as melodías, atinados teclados e coros, liñas de guitarra, en clara herencia do mellor pop americano. Así, as dez cancións deste debut, unhas veces reflexivas, outras vitalistas, están todas ben construídas e acabadas, traballadas unha por unha, como bo grupo de pop. Para os que gosten de textos máis apegados á realidade social, destaca “Barrio”, un medio tempo contra a falla de miras, o inmovilismo e a falta de ubicación de quen ten outras cousas na mente: “Que sigue siendo sagrada la partida en el bar / y que todo el mundo sabe cómo y dónde va a acabar”. As demais letras, persoais pero de temática universal como os “Buenos propósitos”, a eterna insatisfacción de “Harto” ou o amor compañeiro de “Para eso”, reforzan a calidade deste álbum casando perfectamente cunha vestimenta musica sen fisuras. Agora toca defender o álbum, ao vivo. .

entrevista a Carlos Rego, compositor, guitarra e cantante de Burgas Beat

– ¿Como definirías desde dentro a proposta da Burgas Beat e as súas expectativas? ¿Como engarza con proxectos anteriores dos seus membros, coma Cosecha Roja?

– En realidade, máis que unha ruptura, é unha continuación de Cosecha Roja, nunca houbo intención de deixar de facer música. Ademais somos os catro membros de Cosecha Roja máis un amigo e compañeiro en grupos anteriores que deixara a música e volveu para axudarnos cos teclados. Se algo tiñamos claro era que queriamos refinar o que xa faciamos, utilizar máis a guitarra acústica e coidar máis as voces, aínda que iso é algo que pode volver cambiar. As expectativas eran, e seguen a ser, facer música polo simple pracer de facelo, sabemos o noso sitio e que xa non vai cambiar moito.

– En canto a estudios de gravación non hai problema, pois o que utilizastes vos, a Casa de Tolos de Segundo Grandío, tamén deu outro estupendo álbum como o derradeiro dos Diplomáticos, pero en canto a bandas de pop, ¿como anda o noso país? ¿Non se bota en falla algo máis de movemento tendo coma temos un festival especializado e referente como o Felipop?

– Bandas hai máis o menos coma sempre, isto nunca foi un paraíso. O que levo toda a vida botando en falta é unha discográfica galega que se encargara de por na rúa as propostas máis interesantes. No folk pasa, e non tería por que ser unha gran compañía. Tampouco hai un crítico con repercusión nacional que fale do que aquí pasa e teña repercusión fora do telón de grelos. O Felipop é un festival pequeno, e Deus queira que siga así, e non lle podemos pedir máis que o que fai, que sexa un lugar de encontro para todo tipo de inadaptados as modas que períodicamente aparecen e desaparecen no mundiño da música pop.

– No noso país, e por extensión no resto do estado, adoecemos dunha notable incultura musical. Algo que non axudan a paliar os medios públicas nin moito menos as emisoras comerciais. O panorama do pop clásico, así como no doutros estilos coma o do reggae-ska, o metal ou o hip hop, ¿estase a quedar coma unha especie de gueto, nunha sorte de retroalimentación? A pesar de tratarse dun estilo de sempre, recoñecible e que non procura ser minoritario, ¿poderiamos falar dos popeiros coma doutra tribo?

– O pop é demasiado grande, é calquera canción que dure non máis de tres ou catro minutos e teña un estribillo máis ou menos recoñecible. Se ti lle preguntas a calquera persoa pola rúa por grupos pop pódeche falar de La oreja de Morfeo ou El sueño de Van Gogh ou El canto de los Hombres G, e non se lles ocorre pensar que pertenzan a unha tribo. Se non nos poñemos moi quisquillosos en realidade non nos diferenciamos tanto, traballamos con instrumentos, estructuras e acordes parecidos… pero non é o mesmo. Que nos fai diferentes? Ai amigo, que difícil é sabelo!, pero ese algo é o que consegue que a música sexa para algúns algo máis ca un ruído de fondo. Eses algúns sí que poden formar unha pequena tribo.

– Sabemos que as apaixonados do pop adoitan ser auténticos devoradores de cancións, bandas, estilos, influencias… Confesa: ¿cal é a banda ou o artista que para ti “vai a misa”? ¿De quen che gusta practicamente todo?

Non hai ninguén que non meta a pata de cando en vez. Se só sacas un disco é doado acertar, pero cando as carreiras artísticas se alongan é imposible facelo. As miñas referencias sempre foron xente coma Neil Young, Van Morrison, Alex Chilton ou Jonathan Richman, pero incluso eles decepcionan de cando en vez.

-Seguindo co anterior ¿poderías recomendar algúns álbumes que consideres imprescindibles para iniciarse no fermoso mundo do pop?

A voltas co pop. ¿Neil Young é pop? ¿Van Morrison? ¿Television? Eu prefiro falar de música popular, pero se te refires ao pop de guitarras, cancións pop tocadas con actitude rock, non estaría mal empezar por Big Star, os Kinks dos anos 60, os Ramones (si, para min son un grupo pop, quizais o mellor), o “Girlfriend” de Mattew Sweet, o primeiro dos Beat de Paul Collins… Se falamos de pop con melodías, arranxos e voces celestiales, poucos poden compararse cos Beach Boys ou os girl groups de Spector e cía. Poderiamos estar días con isto.

– Falando do panorama actual, e a nivel español, supoño que esta é unha boa ocasión para mencionar que Santi Campos vos mencionou como disco nacional do 2005. Xa que logo, ademais de ao ex Malconsejo, ¿a quen destacariades?

– Como en toda a entrevista, falo do meu gusto persoal, que non ten po qué ser o do resto do grupo, e a verdade é que, aínda que estou o tanto do que se fae, do que máis podo falar é de cancións soltas, non adoito escoitar demasiados discos enteiros actuais, nin de aquí nin de fora. Santi é unha debilidade persoal, e o disco que vai sacar nun par de meses é tan bo senón mellor que o último. Quizáis o meu disco nacional favorito é o de Josele, pero tamén me gustan moitas cousas de Los Planetas, o que escoitei de Lori Meyers, as cancións que Fran, o de Australian Blonde, canta en La Costa Brava, o último de Miguel Ángel Villanueva, ou un grupo tan esquecido como Los Marañones.

– A Burgas Beat editou este primeiro traballo cunha discográfica exemplar, Rock Indiana, que vende os seus compactos a 5 euros. E dou fe de que hai discos realmente magníficos. A baixada de prezos é a mellor medida para loitar contra a piratería? Se é que ti a ves coma un auténtico problema, claro.

– A piratería aí é un problema. Eu son un devoto das tendas de discos e moito me temo que a este paso non durarán máis de dez anos. Pero sobre todo a piratería, o top manta en especial, é un símbolo de incultura e do pouco aprecio que se lle ten a música. En Inglaterra non hai top manta e os discos son moito máis caros que aquí. Os libros hai que pagalos, o cine, as copas, a roupa, as drogas… Porqué o único que ten que ser gratis é a música? É ben certo que a industria non ten perdón de Deus, e eu tamén escoito música baixada da rede, pero non teño claro que os músicos se beneficien. O dos cinco euros é unha boa idea e funciona, pero a costa de que os grupos teñan que seguir pagándose as gravacións do seu peto, a promoción sexa mínima e a distribución case inexistente. Vamos, que non é a solución.

– Estamos nunha web en galego e a pregunta resulta obrigada. ¿Haberá algún tema en galego na continuación deste primeiro álbum coma Burgas Beat?

– Non creo. Intenteino en Cosecha Roja e non quedei moi contento co resultado, soábame pouco natural. Eu son mestre, e falo e leo galego habitualmente e sen dificultade, pero cando teño que escribir algo sáeme en castelán. Din que un non escolle a lingua, que a lingua o escolle a un, e para ben ou para mal a miña lingua “literaria” (que pedante soa isto!) é o castelán.

-Obrigado, Carlos, e sorte á Burgas Beat. Unha lista de discos …

– Aquí vai a lista. Sempre que me piden unha, máis ou menos poño os mesmos discos, todos clásicos do rock. Hoxe mándoche unha con discos que teñen pouco que ver co que facemos pero que son moi importantes para mín.

The Pogues “Rum, Sodomy & the Lash”
Jose Afonso “Enquanto ha forÇa”
Happy Traum “American stranger”
Johnny Cash “At San Quentin”
Richard & Linda Thompson “Pour down like silver”
The Specials “The Specials”
The Undertones “All wrapped up”
Vainica Doble “El tigre del Guadarrama”
Sam Cooke “Live At the Harlem Square Club”
The B 52’s “The B 52’s”

Máis info na web do grupo: www.burgasbeat.com

AXENDA

Facebook